Escoitar

Día Internacional da Danza no Verbum

Para conmemorar o Día Internacional da Danza, o mércores 29 de abril, o museo Verbum ten preparado unha actividade especial de danza e teatro a cargo da compañía Experimenta Danza co seu espectáculo "Festival Espazos que Danzan". A representación comezará ás 20.00 horas con entrada gratuíta.

martes, 28 abr 2009
1240912728danzaverbum.jpg
"Espazos que Danzan" é un festival para todos, de todos, un proxecto educativo onde participan todos os colectivos sociais. Os espazos danzan e móvense formando parte activa das pezas artísticas e humanizándose ao mesmo tempo, sendo un continente activo da cultura.

Trátase dun festival de danza e teatro físico, cunha programación que une danza contemporánea, danza aérea, danza-teatro, mimo, espectáculos de integración e unha programación dedicada aos máis pequenos.

No intermedio das actuacións proxectaranse videodanzas das compañías máis destacadas de Europa.

Programa da actuación

Fredi Muíño (Galicia), "Tudo bem". O teatro xestual, a danza e a pantomima combínanse para crear unha historia absurda, tola, sobre un artista coa intención de presentar o seu número a toda costa e demostrar ao seu amado público do que é capaz. Todo dentro dun marcado rexistro "clownesco".

Sue Moreno (Galicia), "Nobody's Land". Cando navegas en terra de ninguén, decátaste, de que non pertencer a nada, ás veces, pode ser moito mellor...

Carlota Pérez (Galicia), "Na búsqueda do aire". O apego a aquelas cousas que cremos imprescindibles quítanos lentamente parcelas de liberdade, e vivir sen cargas é unha tarefa valente. Quitáchesme o meu aire porque eu permitín que o atrapases, e a rosa perdeuse nas vosas espiñas. Soño con eses momentos da infancia do principio, nos que non existían os malos, nunca había malos. A eiruga converteuse en bolboreta para sempre.

Experimenta Danza (Galicia), "Xogando coa arte". Visión dos nenos ante a arte moderna, do xogo coas cores primarias, coas formas, coa fotografía e coa aparición das personaxes das obras surrealistas. Un xeito de aprender a través da diversión e a imaxinación.
Descargar todas as imaxes