Escoitar

O pleno ratifica situar a Biblioteca do Estado no edificio da Escola de Artes e Oficios

O goberno local asegura que, con esta proposta e a falta da validación dos técnicos do Ministerio de Cultura, solventan á vez a localización da Biblioteca estatal nun lugar céntrico e melloran as condicións da Escola nun lugar tamén do centro da cidade. O grupo municipal do Partido Popular opúxose pois considera que o Concello perde parte do seu patrimonio. <br />

luns, 27 abr 2009
O Pleno da Corporación de Vigo ratificou este luns en sesión ordinaria localizar a Biblioteca do Estado na cidade na actual sede da Escola de Artes e Oficios, en García Barbón; co apoio do goberno local e o rexeitamento da oposición.

A moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular instaba a desestimar a proposta de situar a dotación cultural do edificio da Escola, moción que foi rexeitada polo goberno local aducindo que esta localización pretende solventar dous problemas: a propia ubicación da Biblioteca e a mellora das condicións de Artes e Oficios.

Segundo esgrimiu o goberno local, a proposta permite á Biblioteca Estatal en Vigo ocupar un espazo adaptado ás necesidades técnicas requeridas polo Ministerio de Cultura nun lugar céntrico, ben comunicado e accesible para os vigueses. Ao tempo, o traslado da Escola a un novo edificio mellorará as condicións e as necesidades das clases.

Ao respecto da cláusula do legado de García Barbón á cidade, o concelleiro de Urbanismo, José Mariño, asegurou que contan cos avais técnicos e xurídicos precisos para instalar no edificio a Biblioteca do Estado, mediante informes externos e internos.

Oposición
O grupo municipal do Partido Popular mostrou a súa oposición á proposta do goberno local ao considerar que Vigo perdería parte do seu patrimonio, pois esta ubicación obrigaría ao Concello a ceder a titularidade do edificio ao Ministerio de Cultura.

Os "populares" manifestan que o Plan Xeral reserva solo destinado a esta dotación, e consideran que o Ministerio asumiría o custo dun edificio de nova construcción para a Biblioteca e así a cidade gañaría unha infraestrutura.

A oposición denunciou que o goberno local non conta co apoio de diversos colectivos da cidade, así como dos profesores e alumnos da Escola -presentes este luns na sesión plenaria-, non reuníu á Xunta rectora para estudar a localización e non contactou cos herdeiros de García Barbón.