Escoitar

O Salón do Automóbil abre o vindeiro 1 de maio coa presenza de 35 marcas e 8 novos modelos

Un total de 35 firmas automobilísticas participarán na XVIII edición do Salón do Automóbil, segundo anunciaron en rolda de prensa o tenente de alcalde, Santi Domínguez, o presidente do salón e da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, o responsable de Márketing de Caixanova, José Luis Abelleira, e o director xeral do salón José Enrique Elvira.O certame celebrarase no Instituto Feiral de Vigo do 1 ao 10 de maio.

martes, 28 abr 2009
1240924236salonautomovil09.jpg
"Grazas ao traballo de Eventos del Motor, e o apoio de Caixanova e o recinto feiral vigués, temos que dicir que na celebración deste ano do salón non se vai a notar a crise", salientou o tenente de alcalde. Santi Domínguez, na súa intervención, fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que visiten o certame deste ano, no que se presentarán ao público ata oito novos modelos que comezarán a comercializarse nas vindeiras semanas. Neste sentido sinalou que o certame de Vigo está considerado como "o segundo salón máis importante do Estado Español", polo que "sentimos un tremendo orgullo por ter en Vigo un salón como este, que dinamiza a nosa economía".

O Salón del Automóbil de Vigo permanecerá aberto en horario de 16 a 21 horas os días laborables e os sábados, domingos e festivo, de 10 a 21 horas. Os prezos oscilarán entre os 3 euros que custará a visita ao salón os días 4, 5, 6 e 7 de maio aos 40 euros da Racing Show VIP do sábado 2 de maio. Ademais dos modelos que se comercializarán nas vindeiras semanas, o salón tamén mostrará os modelos que saíron á venda neste último mes de abril. Ao respecto, o director xeral do salón sinalou que o certame acollerá a presentación do Mercedes Clase E Coupe, o BMW Z4; o Peugeot 308 CC; ou o Audi A5 Cabrio, entre outros. "Daranse a coñecer oito vehículos no Salón de Vigo, adiantándonos ao certame de Barcelona", subliñou o responsable da empresa organizadora. Asemade, salientou que volven ao IFEVI marcas que non estiveran na edición pasada, como Ferrari, Maserati, Saab, Volvo e Honda, entre outras.

"A edición deste ano é un salón diferente, máis compacto, posto que nos dez días de duración se integran tres eventos, a exposición de automóbiles, o Racing Show Caixanova e o Motor Ocasión", explicou José Enrique Elvira. Así a exposición do Salón do Automóbil ocuparán os pabillóns 1 e 2 do IFEVI, o Racing Show disputarase os días 1, 2 e 3 de maio no pabillón 3 e Motor ocasión celebrarase tamén neste pabillón 3 os días 8, 9 e 10 de maio. O responsable da organización do salón agradeceu o apoio de Caixanova, ao igual que fixo o presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño. "Agradecemos a sensibilidade mostrada unha vez máis por Caixanova, porque souberon invertir", afirmou. Asemade agradeceu a Santi Domínguez "como presidente do IFEVI e como tenente de alcalde, porque sen el non sería posible levar adiante este salón".


O director de Márketing de Caixanova salientou que esta entidade reforza a súa presenza como patrocinadora do evento e impulsando a posibilidade do negocio. Neste sentido explicou que porá a disposición de clientes e concesionarios "distintas medidas de financiamento a que oscilan entre os 17.000 e os 50.000 euros". Subliñou que Caixanova se propón como obxectivos "batir o récord de participación e negocio en tempos de crise".
Descargar todas as imaxes