Escoitar
Prevese a participación de máis de 2.600 escolares de 23 centros nos obradoiros desta iniciativa didáctica, realizada en colaboración con OQO Editora, dende o 9 de marzo ata o 2 de abril (Día Internacional do Libro Infan

Educación do Concello pon en marcha a campaña Contarte para achegar ó alumnado ao mundo da arte dun xeito lúdico e diferente a través do álbum ilustrado

A Concellería de Educación do Concello de Vigo pon en marcha dende o luns día 9 e ata o 2 de abril (Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil) a campaña Contarte coa que se pretende achegar aos nenos e nenas ao mundo da arte dun xeito lúdico e diferente a través do álbum ilustrado e incidir así no fomento do hábito lector entre os máis cativos.

luns, 9 mar 2009
1236603919libroanimais.jpg
En colaboración con OQO Editora, con ampla e recoñecida traxectoria en actividades de dinamización pedagóxica de animación á lectura, durante este período realizaranse obradoiros especialmente deseñados para traballar á lectura do conto coma un espacio de achega á literatura, a interculturalidade e á creación artística.

Prevese a participación neste programa lector, formativo e de entretemento de máis de 2.600 alumnos e alumnas de educación Primaria de 23 centros escolares de Vigo aos que, con estas actividades, se tentará promover o desenvolvemento do seu espírito crítico e ofrecerlle medios para aprender novas formas de mirar.

Con este obxectivo, desenvolveranse 126 sesións en dous obradoiros. No de Retrarte, a arte e a literatura para os nenos e nenas virá da man no Gran libro dos retratos de animais, obra galardoada co Primeiro Premio ao Libro Infantil Mellor Editado 2007. A idea é achegalos ao mundo da arte dun xeito lúdico e diferente, onde eles se sintan protagonistas xunto aos máis famosos autores da historia da pintura, cunha proposta consistente en introducilos na pel do artista elaborando a súa propia galería de arte e complementando cos seus traballos a exposición sita no espazo público, que logo poderán visitar coas súas familias.

No obradoiro Soños de Teteira, con suxestións a partir do libro O día en que a mamá se lle puxo a cara de teteira, proporáselle aos cativos que experimenten no proceso de transformación dos obxectos descubrindo novas imaxes, personaxes a partir dun elemento determinado. Para iso, recorrerase ao surrealismo na medida que rexeiten o referente inicial que transmite o obxecto para transgredilo e convertelo noutra/as posibilidade/s.

Estas actividades, apoiadas con medios audiovisuais, estarán completadas coa achega de lotes bibliográficos que terán como destino bibliotecas de centros e/ou aula dos centros participantes.

Exposición e conferencia inaugural
Todo elo está complementado coa exposición permanente O gran libro dos retratos de animais, que albergará as dependencias do Instituto Municipal de Educación (IME) dende o 9 de marzo ao 2 de abril.

A inauguración da mostra contará coa conferencia ‘Da tradición oral ao álbum ilustrado’, que se celebrará no salón de actos deste recinto ás 19.00 horas, no que asistencia será gratuíta e aberta ata completar o aforo. O IME tamén ofertará ao longo das tardes do martes de marzo un calendario de obradoiros de asistencia aberta.
Descargar todas as imaxes