Escoitar

Santi Domínguez convida a visitar a exposición da Reconquista para coñecer máis da historia de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, tras percorrer a exposición sobre a Reconquista de Vigo instalada no museo de Castrelos, convidou á cidadanía a visitar a mostra, que se inaugura na tarde do día 6 e estará aberta ata o 30 de marzo. Ao seu xuízo, "é un bo momento para coñecer máis da historia de Vigo", xa que reflicte os acontecementos vividos hai 200 anos, que foron decisivos no futuro da nosa cidade.

venres, 6 mar 2009
1236349603visitaexporecon.jpg
Santi Domínguez asegurou que esta mostra se trata da "mellor exposición do mundo sobre a Reconquista" e a de maiores dimensións das organizadas no Museo de Castrelos na súa historia. Expresou os seus parabéns ao comisario, Eduardo Rolland, ás concellerías de Cultura e Patrimonio Histórico, e a todos os colaboradores e colaboradoras que fixeron posible a montaxe dunha mostra "que e sorprendente". Asemade, o nacionalista salientou a súa "perfecta integración" coa exposición permanente do museo.

A exposición "Reconquista: 1809-2009", de entrada libre, ocupa as dúas plantas do pazo Quiñones de León, ademais das salas do novo anexo. O número total de pezas cedidas para a exposición supera os dous centenares, entre as que se atopan armas, uniformes, miniaturas, dioramas, montaxes audiovisuais, e documentos de distinta procedencia como o Museo Naval de Madrid, o Museo Militar, o Museo Militar Rexional de A Coruña, o Arquivo Histórico Nacional, o Museo Diocesano de Tui e a Biblioteca Británica, así como elementos de coleccións privadas como as de Manuel Arenas, Díaz Galeote o The Royal Green Jackets..

Iniciará a mostra unha montaxe audiovisual, de 8 minutos de duración, que se exhibirá nun pequeno cine, no que o visitante coñecerá os feitos da Reconquista antes de iniciar o percorrido presentado polo lexendario Carolo. Ao longo das salas, haberá outras pezas audiovisuais, como un gráfico 3-D que representa o asalto ás murallas de Vigo vivido na noite do 27 de marzo de 1809; un audiovisual sobre a festa da Reconquista que organizan os veciños do Casco Vello e unha peza documental sobre cómo era a vida dos soldados da época.

Oito maniquíes, perfectamente armados e uniformados, representarán ás forzas que participaron na contenda. O comandante Chalot será recreado no momento de asinar a capitulación de Vigo. A mostra contará asemade co uniforme do mariscal Soult, mando supremo do exército que ocupou Vigo, ademais do seu sabre, que o militar francés deixou na vila viguesa e xamais puido recuperar. Esta arma, restaurada expresamente para a exposición, foi hoxe a última peza colocada nun espazo especial polo tenente de alcalde.

Instalados en distintas salas do museo, haberá catorce dioramas que representarán diversas batallas da Guerra da Independencia, a través de miniaturas. Entre elas, está a de Ponte Sampaio, que supuxo a expulsión definitiva de Galicia das tropas francesas.

Entre as armas de época que se poden contemplar, se atopa un canón francés co seu tren de artillería, unha peza espectacular como o son outros dous canóns de batería e un morteiro de prancha, un arma de asalto empregada para derrubar murallas e atacar formacións pechadas de infantería. Granadas, fusís de chispa, pistolas de chave de chispa de miquelete, polvoreiras, cartuchos, balas, trabucos, sabres e munición diversa para todas as armas e calibres están presentes na exposición do Bicentenario.

Tamén se pode visitar unha sala adicada ao impacto mediático da Reconquista, na que se recollen as novas que na época ofrecían sobre Vigo xornais como The Times, en Londres, Journal de L´Empire, de París, ou o Semanario Patriótico, de A Coruña. Por outra banda, varias salas exporán diversos documentos relacionados coa Reconquista, como o primeiro Bando de
Cachamuíña, ordes do comandante Chalot, correspondencia secreta entre o alcalde Vázquez Varela e os partisanos, ou diversos informes redactados polo gobernador Villavicencio ou os líderes Pablo Morillo ou Joaquín Tenreiro Montenegro.

Outro aspecto salientábel refírese aos libros de defuntos nos que as parroquias recollían a crónica dos mortos durante a Reconquista e a guerra contra os franceses. Cedidos polo Arquivo Diocesano de Tui, estes libros orixinais contarán cunha protección ambiental especial, e estarán acompañados das súas transcricións, nas que se narra, coa morte dos paisanos a mans dos franceses, toda a crueza daquela guerra. Neles, os visitantes poderán consultar os nomes dos mortos nos combates, catalogados por parroquias, e tal vez haberá quen saiba atopar aos seus antepasados na loita daqueles días terribles.

Hai tamén bandeiras, como as dos rexementos vigueses na Reconquista, restauradas polo Museo de Castrelos, xunto a outras do exército francés, ou unha reproducción da águia de ouro do cruceiro "Atlas", buque galo capturado polos vigueses en xullo de 1808. Bustos de Napoleón, John Moore e Castaños, figuras e retratos de diferentes heroes da Reconquista, e un apartado de pinacoteca, con cadros cedidos por diversos museos son outros elementos da ambiciosa exposición de Castrelos.

Por outra banda os colexios e institutos vigueses que reservaron visitas na páxina web contarán cunha guía especializada, caracterizada da época, que explicará as distintas salas e contará aos visitantes a historia da Reconquista. Tanto a distribución da exposición coma as imaxes das pezas se poden baixar da rede na web www.reconquistadevigo.com. Aberta ata o 30 de marzo, a mostra pode visitarse os martes, xoves, venres e sábados de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas; os mércores de 10 a 20 horas; e os domingos e festivos de 10 a 13.30 horas.
Descargar todas as imaxes