Escoitar

Santi Domínguez presenta a nova sinalización do patrimonio arqueolóxico e cultural da cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves a nova sinalización do patrimonio arqueolóxico e cultural da cidade. Segundo explicou na presentación, que tivo lugar na Praza da Pedra, na primeira fase do proxecto sinalizáronse 37 elementos do patrimonio da cidade, que foron deseñados "atendendo as súas características específicas" e que contan con textos explicativos do historiador José Ramón Iglesias Veiga e o arquitecto Jaime Garrido, escritos en galego, castelán e inglés.

xoves, 5 mar 2009
1236261219placashistoricas.jpg
"Este proxecto ten como obxectivo divulgar dun xeito permanente e accesible este potencial histórico a toda a cidadanía e aos visitantes", salientou. O tenente de alcalde explicou que deste xeito a cidade contará cun conxunto de información de carácter permanente que lle permitirá coñecer "a fondo e dun xeito didáctico a historia da cidade".

Santi Domínguez explicou que para sinalizar os vestixios do antigo amurallamento do século XVII da cidade, empregáronse monolitos de 120 cm de alto x 40 cm de ancho e 10 cm de fondo, ubicados na fortaleza de San Sebástián e nos restos da muralla da Laxe.

O nacionalista sinalou que para as prazas e edificios históricos desta primeira fase, utilizáronse pracas de 42 x 28 cm, nalgúns casos colocadas directamente na fachada, e noutros, dependendo do grado de protección do edificio, sobre perfil en aceiro negro de 120 x 28 cm. En total foron 19 os elementos patrimoniais seleccionados: Casa Torres de Pazos Figueroa, igrexa Colexiata de Santa María, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Escola de Artes e Oficios, Fundación Barrié de la Maza (sen colocar), Casa das Artes, (sen colocar), centro cultural Caixanova (sen colocar), centro social Caixanova (sen colocar), fundación Caixa Galicia (sen colocar), edificio Bonín, Teatro Fraga Caixa Galicia, casa de Fernando Carreras, edificio Mülder, miradoiro do Paseo de Alfonso XII, dúas na Porta do Sol I, Porta do Sol II, praza da Princesa, praza da Constitución e praza da Pedra

Para sinalar a escultura urbana da cidade, segundo sinalou Santi Domínguez, optouse por unha "fórmula integradora coa obra artística", na que esta fose a principal protagonista, utilizando pracas de 20x20 cm, que nalgúns casos, precisaron dun soporte específico (perfil de aceiro negro na Oiveira e monumento a Méndez Núñez). En total foron 16 as obras sinalizadas: Sireno I, Sireno II, o Bañista do Areal, O Nadador, Os Redeiros, o fárol de Urzaiz, o monumento aos Galeóns de Rande, A Oliveira, o monumento ao empuxe vigués, a fada e o dragón, o monumento a Méndez Núñez, o medrar do mundo, o monumento a Elduayen, o monumento a Xulio Verne, a rúa das Ostras I e aa rúa das Ostras II.

O tenente de alcalde indicou tamén que os planos históricos dos edificios están gravados con láser sobre aceiro inox, xa que esta técnica ten unha gran durabilidade e é de fácil limpeza. "Este proxecto terá continuidade con novas sinalizacións do noso patrimonio histórico", salientou o nacionalista. Este ano colocaranse 40 pracas máis en arquitecturas de diferentes épocas e estilos, dende o século XVII ao XX.
Descargar todas as imaxes