Escoitar

Concello e Política Territorial asinan a humanización das rúas Manuel Álvarez, Severino Cobas e Escultor Gregorio Fernández

Abel Caballero e María José Caride rubricaron hoxe venres o convenio polo que a Consellería financia con 6,2 millóns de euros as melloras de Manuel Álvarez e Severino Cobas, en Lavadores, e Escultor Gregorio Fernández, mentres que o Concello se encargará da execución. Este ano 2009 as obras estarán en execución.

venres, 6 feb 2009
1233928545caride.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a conselleira de Política Territorial da Xunta de Galicia, María José Caride, asinaron hoxe xoves un convenio polo que a Consellería achegará 6,2 millóns de euros para a humanización de Manuel Álvarez, Severino Cobas e Escultor Gregorio Fernández.

En declaracións conxuntas aos medios de comunicación, o rexedor local subliñou "a cifra certamente moi relevante" a investir nas tres rúas e salientou a "presencia continua da Consellería na cidade", coa súa participación xa en marcha nas humanizacións das Avenidas de Florida e Castrelos e no Auditorio-Palacio de Congresos.

As rúas Manuel Álvarez e Severino Cobas, en Lavadores, suman unha lonxitude total duns 3 quilómetros e articulan o espazo existente entre a Avenida Ramón Nuete e a Avenida de Madrid. Segundo o convenio rubricado, o Concello encargarase de redactar o proxecto técnico e da contratación e recepción dos traballos. A renovación da rede de saneamento abastecemento tamén correrá a cargo do Concello.

A conselleira indicou que as rúas de Lavadores "pódense executar de xeito inmediato", pois contan cos traballos previos xa realizados, mentres que Escultor Gregorio Fernández precisará dun proxecto previo. Caride expresou a súa confianza en que os traballos de humanización poidan comezar este mesmo 2009.
Descargar todas as imaxes