Escoitar

Xuventude repartirá 3.000 tarxetas de Siareiros para que a mocidade poida ver de balde deporte de elite

A Concellería de Xuventude e a Fundación Vigo en Deporte (VIDE) acordaron unha campaña promocional para os mozos e mozas que foi presentada hoxe pola concelleira Iolanda Veloso e a xerente da fundación, Laura Magdalena. Xuventude quere dar a coñecer á mocidade todos os servizos que ofrece (de formación, de emprego, de saúde e sexualidade, de tempo libre, de turismo, de asociacionismo, de voluntariado,...) mediante obradoiros e xa ten confirmados faladoiros con dezaoito centros educativos da cidade para chegar aos mozos (é dicir, uns 700 estudantes de xeito directo), nos que tamén se lles explicará a situación física e posibilidades dos servizos (Casa da Xuventude, Infobus, punto xove de López de Neira) ou programas (Súbete ao Castro).<br />

venres, 6 feb 2009
1233929254P2060236.JPG
Para fortalecer a proposta alcanzouse un acordo entre a concellería e VIDE, polo que os asistentes aos obradoiros poderán ter unha cartilla de Siareiro Familiar para poder gozar dun partido de cada un dos equipos agrupados na fundación (son once), que son os de elite da cidade. "Cando lle pedimos á fundación o seu apoio para chegar aos mozos a nosa sorpresa foi que non expuxeron unha colaboración, senón moita colaboración", dixo Veloso, que cre que este tipo de agasallos "axudan a fomentar a participación dos mozos". VIDE xa entregou 3.000 cartillas para que Xuventude as reparta.

Laura Magdalena, pola súa banda, dixo que os mozos e mozas "son un público obxectivo" da fundación que preside Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, e que "lles gusta o deporte, polo que estamos convencidos da aceptación" da proposta.

Estos carnés para os mozos e mozas de Vigo entregaranse nos obradoiros e tamén estarán á súa disposición na Casa da Xuventude. O mozo ou moza poderá ver de balde esta tempada un máximo de once partidos (un de cada equipo) do Pilotes Posada (balonmán), Celta Indepo (baloncesto feminino), Aldasa Amfiv (baloncesto en cadeira de rodas), Gestibérica (baloncesto), Vigo Valery Karpin (voleibol), Calfoncal Lavadores (balonmán feminino), Turismo de Vigo (voleibol feminino), Universidade de Vigo Ednon TRC (rugby), Vigo Mundial 2009 (hóckey a patíns), El Olivo Caixanova (fútbol feminino) e Vigo Viaxes Eroski (hóckey herba).
Descargar todas as imaxes