venres, 19 outubro 2007

Concello e Caixagalicia buscan unha visión global para a súa colaboración

O Concello e Caixagalicia queren darlle á súa colaboración unha visión global, por medio dun proxecto que incluirá actividades culturais e deportivas, xunto coa presenza da entidade financeira no Teatro Fraga a través de "investimentos extraordinariamente importantes", segundo afirmou este venres o alcalde, Abel Caballero, despois de reunirse no seu despacho co director xeral de Caixagalicia, José Luis Méndez.

Xuventude apoia a Disco Light para mozos e mozas de 14 a 18 anos

venres, 19 out 2007

Ofrecer un espazo de lecer seguro e onde os mozos e mozas de 14 a 18 anos poidan gozar dunha maneira saudable. Este é o obxectivo principal da Disco Light, na que teñen música, actividades de animación e información preventiva sobre drogas os sábados e festivos de 18.00 a 21.30. Esta iniciativa foi posta en marcha a finais de setembro na Sala A! (avenida de Beiramar, 113) e conta xa coa colaboración da Concellería de Xuventude.

Caballero visita o MARCO con motivo do quinto aniversario do museo

venres, 19 out 2007

O alcalde, Abel Caballero, visitou este venres o MARCO, que está próximo a cumprir o seu quinto aniversario, e sinalou que "este museo marca un fito importante na actividade cultural" de Vigo. Caballero engadiu que o MARCO "debe constituírse no emblema do desenvolvemento cultural da cidade", e que para iso "non imos escatimar recursos nos tempos vindeiros".

A Concellería de Deportes ofrece un programa de iniciación á carreira a pé

venres, 19 out 2007

O Concello proponlles aos vigueses iniciarse no deporte da carreira a pé a través do programa "Corre con Vigo", presentado este venres polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso. Esta actividade realizarase no Parque de Castrelos os luns, mércores e venres de 19.00 a 20.30 horas e contará co apoio dunha monitora licenciada en Educación Física.