Escoitar

Xuventude apoia a Disco Light para mozos e mozas de 14 a 18 anos

Ofrecer un espazo de lecer seguro e onde os mozos e mozas de 14 a 18 anos poidan gozar dunha maneira saudable. Este é o obxectivo principal da Disco Light, na que teñen música, actividades de animación e información preventiva sobre drogas os sábados e festivos de 18.00 a 21.30. Esta iniciativa foi posta en marcha a finais de setembro na Sala A! (avenida de Beiramar, 113) e conta xa coa colaboración da Concellería de Xuventude.

venres, 19 out 2007
1192800038discolight191007.jpg
O apoio do Concello baséase na necesidade de pór a disposición dos mozos e mozas espazos lúdicos e de diversión seguros e saudables e que dean cabida a programas xuvenís. Ademais, deste xeito quérese dar resposta aos pais e titores que desexan para os seus fillos lugares onde poidan divertirse a salvo de calquera perigo ou dano, como poden ser os relacionados co abuso de drogas e a violencia. Así, na Disco Light non se pode, por exemplo, consumir bebidas alcohólicas nin fumar.

A Concellería de Xuventude considerou oportuno apoiar esta iniciativa e por iso colabora achegando un psicólogo e un técnico da Casa da Xuventude que informarán os mozos e as mozas sobre a problemática das drogas, con fins preventivos e de sensibilización.

Ademais, o Concello habilita dous autobuses para que os mozos e as mozas poidan trasladarse á Disco Light comodamente. Estes autobuses sairán desde O Calvario, pasando por Pizarro e o Centro en dirección a Beiramar, e serán totalmente gratuítos. Para máis seguridade, a Policía Local estará presente nas horas de entrada e saída da Disco Light.

Así mesmo, a Concellería aproveitará o espazo da discoteca para publicitar, mediante pantallas, programas de Xuventude como "Súbete ao Castro" e as Noites Vivas.

Pola súa parte, a Sala A! ofrecerá, ademais do propio local, persoal para ofrecer todos os seus servizos (camareiros, roupeiros, DJ’s, animadores) e apoio para a organización conxunta de eventos.

As actividades de animación inclúen desde xogos técnicos e xogos de aprendizaxe ata Festas de Fin de Ano e de Reis, pasando por clases de baile, concertos e festas temáticas como a da escuma, a de globos e a do touro mecánico. Ademais, os colexios, entidades deportivas e asociacións xuvenís recibirán axuda para organizar eventos e festas co fin de recadar diñeiro para viaxes de fin de curso, eventos deportivos e calquera outra actividade sen ánimo de lucro.

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, que acompañou durante a presentación da Disco Light este venres no Concello a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, sinalou que a Disco Light é asequible para a economía dos mozos e mozas aos que se dirixe, xa que a entrada custa 5 euros e dá dereito a dúas consumicións.

A Concellería de Xuventude proxecta estender esta iniciativa a outros locais de Vigo.
Descargar todas as imaxes