Escoitar

O Goberno Local aumentará as sancións por contaminar ata os 3.000 euros

<br /> O alcalde avanzou que o Concello está a actualizar a ordenanza municipal de medioambiente, que databa de 1994, que equiparará as sancións por contaminación ás de ámbito estatal e autonómico. As multas, que ata o de agora non superaban os 90 euros, poderían alcanzar os 3.000 euros. Abel Caballero advirte que a "tolerancia cero" cos verquidos "vai moi en serio".

luns, 12 mai 2008
1210597380medioambiente.jpg
A Xunta de Goberno Local deu este luns o seu visto bo á actualización do réxime sancionador medioambiental, que data de 1994, xa que quedou totalmente obsoleto, en especial a cuantía das sancións. As multas poderían acadar, no caso das infraccións moi graves, os 3.000 euros, mentres que ata o de agora non superan os 90 euros.

Abel Caballero sinalou que esta actuación é "un toque de atención moi serio" que pretende evitar que sexa rendible pagar a sanción e continuar a contaminar, en especial o río Lagares, onde se detectaron algúns casos de verquidos. O alcalde quere transmitir que a política de "tolerancia cero" do goberno municipal "vai moi en serio".

As sancións cualificadas como leves conlevaban unha multa de ata 30 euros, e coa futura actualización poderían chegar aos 750 euros. As graves oscilaban entre os 30 e os 60 euros, e agora variarán entre os 750 e os 1.500 euros. Pola súa banda, as definidas como moi graves, que suporían unha sanción de entre 60 e 90 euros, poderían custarlle ao infractor entre 1.500 e 3.000 euros.

A partir de agora, o réxime sancionador municipal queda regulado polas leis autonómicas e estatais vixentes en materia medioambiental, como é o caso da Lei Estatal 34/2007 de calidade do aire e protección da atmosfera, a Lei Estatal 10/1998 de residuos e a Lei Autonómica 10/1997 de residuos urbanos, entre outras.

Coordinación municipal
A modificación da ordenanza municipal pretende asemade a coordinación das distintas áreas do Concello que interveñen na aplicación da mesma, na súa vixilancia e aplicación. Así, os departamentos de Urbanismo, Medioambiente, Vías e Obras e a Policía Municipal sumarán esforzos contra os verquidos.
Descargar todas as imaxes