O venres saen á venda as entradas para o concerto que ofrecerá Bob Dylan en Vigo o 27 de xuño
As 10.000 entradas para o concerto que ofrecerá Bob Dylan no Instituto Feiral de Vigo o 27 de xuño saerán o venres, día 25, a venda en Caixanova, no teléfono 902.504.500 e na web ww.caixanova.es, a un prezo de 35 euros cada unha, segundo anunciou este xoves o tenente de alcalde, Santi Domínguez. Ademais, salientou que para o concerto de Lenny Kravitz, que terá lugar o 29 de maio tamén no IFEVI, xa se venderon en só unha semana 3.000 entradas das 10.000 postas á venda.
"Estas actuacións, xunto coa de The Chemical Brothers, marcan unha nova etapa na cidade como referente das grandes promotoras de concertos", salientou o tenente de alcalde, quen asegura que a presenza do polifacético Bob Dylan en Vigo tras recibir o ano pasado o premio Príncipe de Asturias será sen dúbida un dos pratos fortes deste ano. Bob Dylan ten sido, durante cinco décadas, unha das máis importantes figuras da música contemporánea e un dos compositores e músicos máis influíntes e prolíficos do século XX. O seu máis reciente disco, "Modern Times", lanzado o 29 de agosto de 2006, fixo que Dylan se convertise, aos 65 anos, no cantante solista máis veterano da historia.
Descargar todas as imaxes