Escoitar
O programa de ocio Tardes e Noites Vivas da Concellaría de Xuventude do Concello de Vigo, acolle unha morea de xogos, dirixidos a mozos e mozas, na vindeira fin de semana

A xuventude en xogo nas "Tardes e Noites Vivas"

Os mozos e mozas de Vigo teñen unha cita, na tarde-noite do venres e do sábado, cunha gran variedade de xogos repartidos por distintos puntos da cidade. Así pois, poderanse atopar dende xogos de rol ata unha xincana solidaria, pasando por xogos deportivos, outros baseados nas novas tecnoloxías ou espazos para xogar libremente.

xoves, 24 abr 2008
1209035836noitesvivas.jpg
O venres, ás 18:00h, a asociación xuvenil Abertal pon á disposición unha sala de xogos onde poder comezar o quecemento para o que virá despois. Nesta sala poderanse practicar, entre outros, futbolín, pin-pon e xogos de mesa. Tamén estará dispoñible a play station e celebrarase unha xincana solidaria con contacontos, xogos e obradoiros sobre os obxectivos do milenio.

O espazo Xove do Castro abrirá as súas portas ás 17:00h con diversas actividades e, a partires das 20:00, comezarán a sesión máis lúdica cunha liga de xogos en rede e despois unha miniolimpiada Wii

A asociación xuvenil Cancerbero (22:00h) porá en marcha unha partida de rol: A batalla de Arnhem (flames of war) e, no pavillón do Berbés (23:00h), poderase practicar musculación, squash ou animar aos equipos de baloncesto "Vigo en Xogo".

Para o sábado, ademais das actividades do Pavillón do Berbés, as mozas e mozos poderán participar nun campionato de tenis de mesa, na liga de xogos en rede, practicar stepmanía (no Espazo Xove do Castro) ou apuntarse ao torneo lóstrego de pin-pon da asociación Abertal.

A programación detallada pódese atopar na páxina web da Concellería de Xuventude (www.xuventudevigo.org) ou, en formato folleto, na Casa da Xuventude (López Mora, 31), stands da Concellería de Xuventude nos diferentes centros comerciais, institutos, etc.

Máis información: Casa da Xuventude (López Mora, 31), Teléfono: 986 294 806 Correo electrónico xuventude@vigo.org
Descargar todas as imaxes