Escoitar

A legalidade das antenas de telefonía móbil será obxecto dun informe da Xerencia de Urbanismo

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo aprobou este xoves por unanimidade unha moción do BNG na que se demanda de modo urxente a elaboración dun informe exhaustivo sobre a colocación de novas antenas de telefonía móbil, así como a revisión das licenzas das xa existentes para comprobar se cumpren ou non coa normativa vixente.

xoves, 6 set 2007
1189079136xeren060907.jpg
A representante do BNG Elena Maure explicou que "nos últimos días este grupo municipal está recibindo innumerables queixas de veciños e veciñas no tocante á colocación de antenas de telefonía móbil en distintos puntos da cidade", que "segundo as súas informacións carecerían da perceptiva licenza e non estarían a cumprir a Ordenanza Municipal" que regula a súa localización, instalación e funcionamento.

A moción defendida por Elena Maure contiña un segundo punto no que se solicitaba que "se paralice o outorgamento de novas licenzas para tal fin" mentres non se remate o informe solicitado á Xerencia de Urbanismo. A concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, do PSdeG-PSOE, mostrouse contraria a paralizar a concesión de licenzas argumentando que "hai que dalas sempre e cando se cumpra coa legalidade". A obxección de Silva foi aceptada polo BNG e apoiada polo PP, e deste xeito o segundo punto da moción foi retirado.

A concelleira de Urbanismo, ademais, referiuse ás reunións que mantivo con veciños e operadores a fin de asegurar a legalidade das antenas no termo municipal de Vigo. Neste sentido, Carmen Silva afirmou que "non se vai dar ningunha licenza se non se cumpren os requisitos que marca a lei" e defendeu a necesidade de novos encontros cos operadores para axilizar a concesión de novas licenzas e a renovación daquelas que "están caducando" por ter sido concedidas en 2001.
Descargar todas as imaxes