Escoitar

A escola obradoiro ”Mar de Vigo” formou a sesenta rapaces

venres, 21 dec 2001
O director xeral de Fomento do Emprego, Justo de Benito, o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, e o delegado da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Joaquín Macías Sánchez, clausuraron as actividades da Escola obradoiro “Mar de Vigo”. O acto, que tivo lugar nas instalacións sitas enfronte da praia do Vao, comezou cun percorrido polas mesmas para coñece-lo traballo realizado polos alumnos-traballadores deste proxecto de formación ocupacional, facéndoselles despois entrega dos diplomas.

A Escola obradoiro “Mar de Vigo”, promovida polo Concello de Vigo e cofinanciado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, iniciou a súa andadura en xuño do pasado ano 2000 con catro especialidades relacionadas co mundo do mar: “Carpintería de ribeira”, “Novas técnicas de construcción naval”, “Actividades naútico-turísticas” e “Instalacións marítimo-deportivas”. Sesenta mozos desempregados e sen cualificación profesional, de entre 16 e 24 anos, recibiron unha formación teórico-práctica enmarcada nun ámbito profesional con boas perspectivas de futuro na Comunitade Autónoma Galega.

Hai que destacar o carácter novedoso da Escola obradoiro “Mar de Vigo” porque, á parte de supoñer a dinamización do sector da navegación e da construcción de embarcacións tradicionais, as profesións impartidas teñen unha importante proxección no sector turístico. A formación destes rapaces centrouse na utilización do recurso “mar”, construíndo embarcacións tradicionais e de uso deportivo con novos materiais, elaborando programas de dinamización turística e profesionalizando a utilización das instalacións deportivas.

Este programa de emprego contou cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en cofinanciamento co Fondo Social Europeo de 133 millóns de pesetas. O Concello de Vigo, pola súa banda, aportou as instalacións, mobiliario, equipos informáticos, e a maquinaria e os materiais necesarios para as obras que se executaron dentro do proxecto, o que supón un custo aproximado de 20 millóns de pesetas.