Escoitar

O novo flamenco de Pasión Vega centra o ciclo dos ”Concertos do Milenio”

venres, 21 dec 2001
imx926.jpg
Pasión Vega
A Concellería de Cultura pon en marcha a segunda edición do ciclo denominado “Concertos do Milenio” que pretende achega-lo público vigués a algúns dos artistas novos do panorama nacional e internacional que xa conseguiron afianza-la súa carreira, gracias a merecidos éxitos, tanto en recitais como en gravacións discográficas.

Este ano, o ciclo concrétase no concerto do próximo xoves 27 ás 20:30 horas, no Cine Fraga – Caixa Galicia, coa actuación de Pasión Vega, un dos fenómenos musicais e discográficos das dúas últimas tempadas, que conseguiu leva-la arte flamenca e a copla ata o gran público, sobre todo xuvenil.

As entradas poranse á venda na Central de Espectáculos o venres 21 pola tarde, ata o propio día do concerto. O prezo é de 1.000 ptas. para o público xeral e de 700 ptas. para menores de 25 e maiores de 65 anos.

Pasión Vega naceu en Madrid pero tanto a súa vida como a súa carreira musical están estreitamente ligadas a Andalucía e máis concretamente a Málaga, cidade á que se trasladou de moi pequena.

Tras iniciarse musicalmente no coro da parroquia do seu barrio malacitano, deu o seu primeiro gran paso cara ó éxito a través do concurso de Televisión Española “Pasa la vida”, do que resultou vencedora. A partir de aí a súa carreira foi imparable, gañando a maioría dos certames nos que participou, como o festival de malagueñas da súa cidade. A homenaxe a Imperio Argentina en Sevilla, foi outro dos momentos importantes da súa carreira, que lle permitiu participar en festivais de copla en Málaga e Sevilla. O seu bo facer sobre os escenarios lévaa a actuar en Granada, Cádiz, Huelva, Sevilla, Málaga, etcétera, conseguindo en cada unha das súas aparicións un clamoroso éxito de crítica e público.
O empuxón definitivo foi o contrato que lle ofreceu a empresa discográfica BMG-RCA, unha das máis importantes do país. Os seus productores viron posibilidades de lanzamento de Pasión Vega no mercado internacional. Froito desa colaboración, nace o seu primeiro disco, o pasado mes de maio, con cancións expresamente compostas para ela de autores tan coñecidos como Sabina, Roxana, Antonio Ares, e outros. Tamén contén o disco unha homenaxe ó desaparecido Carlos Cano. O disco é todo un éxito e empolícase, de xeito inmediato, nos primeiros postos das listas dos máis vendidos. Co aval do seu primeiro disco, o pasado verán realizou unha xira por toda a xeografía nacional, que foi unanimemente aplaudida. O pasado 4 de decembro debutou en Madrid, no Palacio de Congresos, esgotando as localidades para o seu concerto. En todos estes meses apareceu na maioría dos programas de televisión das distintas cadeas nacionais e autonómicas.

Pasión Vega é un grande achado para a copla e o flamenco en xeral e supón un dos máis firmes valores do panorama musical español.
Descargar todas as imaxes