Escoitar

O concelleiro Delfín Fernández, nomeado coordinador do proxecto Equal

venres, 21 dec 2001
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, será o coordinador do “Proxecto Compás”, promovido pola Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo no marco da Iniciativa Comunitaria “Equal” e que ten como obxectivo facilita-lo acceso ó mercado laboral das persoas en situación de desvantaxe.

A Comisión de Goberno do devandito organismo intermunicipal, constituída polos alcaldes dos doce concellos que a compoñen, acordou delegar no concelleiro Delfín Fernández Álvarez, a proposta do Presidente da Mancomunidade, Lois Pérez Castrillo, a xestión do proxecto “Compas”. Esta delegación comportará tanto a facultade de dirección do programa, como a súa xestión, incluída a sinatura de cantos documentos de trámite, propostas de resolución, comunicacións dirixidas a autoridades, etc., sexan necesarios para o correcto desenvolvemento do devandito proxecto.

Da xestión e execución do proxecto, o concelleiro delegado, Delfín Fernández Álvarez, dará conta puntualmente ó Presidente da Mancomunidade e mensualmente elevará informe escrito á Comisión de Goberno do devandito organismo intermunicipal. A nomeación do concelleiro terá efecto durante o tempo de vixencia do proxecto, é dicir, trinta meses.

De cara á presentación á Iniciativa Comunitaria “Equal”, o concelleiro vigués foi quen coordinou a elaboración os traballos do “Proxecto Compás”, en representación da Mancomunidade, xunto coas tres centrais sindicais maioritarias, UXT, CC.OO e CIG, e a Confederación de Empresarios de Pontevedra.

O “Proxecto Compás”, un dos doce concedidos na Comunidade Autónoma Galega, suporá unha inversión de 500 millóns de pesetas que, con desenvolvemento de diferentes accións, perseguirá a mellora da ocupabilidade dos habitantes da Área Metropolitana que se atopan nunha situación de desigualdade en relación co acceso ó mercado laboral.