Escoitar

O alcalde anuncia o envío de axuda alimentaria aos galegos residentes na Arxentina

xoves, 20 dec 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, anunciou o seu propósito de organizar un envío de axuda alimentaria aos galegos residentes na Arxentina que están a sufrir unha situación crítica tralo derrubamento da economía daquel país. Castrillo convidou a outras institucións e asociacións a seguir este exemplo e cooperar coa comunidade galega na Arxentina.

O alcalde de Vigo dixo sentirse impresionado polos últimos acontecementos ocorridos no país sudamericano e amosou a súa preocupación polas dificultades económicas que está a atravesar a poboación, especialmente os emigrantes galegos. Castrillo dixo que “noutros tempos foron eles os que botaron unha man a Galicia: este é o momento de correspondelos coa nosa solidariedade”.

A Alcaldía destinará dous millóns de pesetas dos seus presupostos para mercar axuda alimentaria e enviala a Arxentina. Para iso xa está en contacto con grupos de residentes vigueses naquel país.