Escoitar

Eduardo Nogueroles: A tuba do século XXI

mércores, 19 dec 2001
O Festival ARE MORE visita, por segunda vez, o novo recinto do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, para ofrecer o xoves, 20 de decembro ás 20:30, un recital con características especiais, tanto polo repertorio do mesmo como polo instrumento protagonista: a tuba.

O novo profesor valenciano Eduardo Nogueroles ofrecerá un recital de tuba no que interpretará obras de autores contemporáneos, non moi coñecidos para o gran público en xeral, pero si para os expertos e entendidos no instrumento. O concerto denomínase “A tuba do século XXI” e non podería existir mellor recinto para escoitalo que o novo Museo vigués, orientado cara á arte contemporánea e máis actual.

Nogueroles naceu en Valencia, ten 29 anos, e destacou na súa intensa carreira profesional coma un dos mellores expertos na interpretación deste instrumento. Cursou os seus primeiros estudios na súa cidade natal, para perfeccionarse posteriormente en Xavea, Valencia, Madrid e Perpiñán. No conservatorio deste último obtivo a medalla de honra. Tamén estudiou en Arizona, en Estados Unidos con Samuel Pilafian.

Participou en cursos de perfeccionamento con solistas de recoñecido prestixio tanto nacionais como estranxeiros, de Los Ángeles, Indiana, Nova Jersey, Viena, Israel, Chicago, Nova York, Hamburgo, París, Londres, Barcelona, Copenhague, etcétera.

Durante catro anos pertenceu á Orquesta de Estudiantes de Madrid e á Nueva Orquesta Nacional de España. Ademais, é colaborador habitual de numerosas orquestras españolas, coas que actuou por España e polo estranxeiro. En 1996 obtivo o terceiro premio no concurso internacional de Albany, en Nova York, e dous anos máis tarde no celebrado en Xátiva, en Valencia.

Na actualidade forma parte do quinteto de metais “Brassmanía”, co que actuou este mesmo ano en Vigo, dentro do ciclo da Concellería de Cultura dedicado a intérpretes novos. Tamén forma parte do grupo “Tubata”. Como solista actuou coa Orquestra de Viana do Castelo, con distintas bandas de música e outras actividades, aínda que a súa colaboración máis importante é co pianista Alberto Vilas, co que forma dúo estable dende 1997 e co que gravou o disco “Escenas latinas”.

Profesor do Conservatorio de Meliana, en Valencia, e na Escola Profesional de Música de Viana do Castelo, impartiu clases en distintas cidades españolas. Na actualidade é profesor de tuba e director do grupo de metais do Conservatorio Superior de Música de Vigo.


BIOGRAFÍA

PROGRAMA

ENTRADAS