Escoitar

O luns comeza a quinta edición do Ciclo de Música Sacra

Un ano máis o departamento de Cultura que dirixe Ignacio López-Chaves organiza o Ciclo de Música Sacra, baixo o título "Do Místico e o Humano: <br /> Viaxe pola relixiosidade europea", que se desenvolverá do 14 ao 19 na igrexa de María Auxiliadora a partir das 20.45 horas.

xoves, 10 mar 2005
1110459335cartelsacra.jpeg
Serán en total catro concertos de entrada libre ata completar o aforo que, segundo o concelleiro López Chaves, unirán o antigo e o moderno, o barroco e a modernidade de Fauré.

Desta forma, a primeira actuación da quinta edición do Ciclo de Música Sacra, que terá lugar o luns 14 de marzo, correrá a cargo da soprano galega Carmen Gurriarán, quen acompañada polo Quinteto da Sinfónica de RTVE interpretará a Frank Martín e a Luigi Boccherini na conmemoración do aniversario do seu pasamento.

A soprano Carmen Gurriarán, cursa estudios de canto e piano nos Conservatorios de Ourense, Santiago de Compostela e Madrid, remata o grao superior de canto no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e realiza estudos de posgrao en Suíza con Rada Petkova, Dennis Hall e Esther de Bros.

Ten interpretado estreas de D. del Puerto, J. Arias Bal, P. Vallejo, M. Rodeiro, A. Bertomeu, J.M. López López, e obras de Jesús Torres, G. Acilu, A. Webern, L. Dallapiccolla entre outros, dentro do ciclo Música de Hoxe, o ciclo Músicos Novos da Orquestra Sinfónica da RTVE e no Festival de Música Contemporánea de Alicante.

Colaborou coa Orquestra de Cámara Andrés Segovia, a Orquestra Real Philarmonia de Galicia, o Proxecto Guerrero, o Grupo Modus Novus e o Coro da RTVE.

Ademais, estará acompañada ao violín por David Mata e Ángel Ruiz, á viola por Isabel Aragón, ao violonchelo por Irina Comesaña, e ao contrabaixo por Roberto Terrón.

O martes, día 15, dúas formacións viguesas, a Sinfonieta, co seu director Joam Trillo á cabeza, e o coro "Camerata ad Libitum" xuntarán na escena a setenta e cinco persoas para interpretar o Réquiem de Fauré.

A orquestra Sinfonieta de Vigo parte dunha iniciativa de varios profesores do Conservatorio Superior de Música, que no 2001 decidiron dotar á cidade, e a toda Galicia, dunha orquestra que lle dese saída á gran potencialidade que posúen Vigo e a súa comarca, tanto en cantidade coma en calidade musical.

A orquestra consolidouse definitivamente na temporada pasada na que ofreceu numerosos concertos e recolleu excelentes críticas, como as que se referiron, por exemplo, á zarzuela "La Corte de Faraón", xunto coa Compañía Clásica de Zarzuela.

Na actualidade, conta cun cadro de excelente nivel, formado case integramente por profesores do Conservatorio de Vigo e por algúns dos alumnos máis sobranceiros do centro, amais doutros profesionais de recoñecido prestixio.

O director Joam Trillo, fundou, en 1978, Orquesta de Santiago e, en 1981, recibe o Premio da Crítica galega polo seu labor musical. En 1987, por iniciativa da Xunta de Galicia, crea a Xoven Orquestra de Galicia, da que é nomeado director.

Á fronte da Orquestra de Santiago, da Moza Orquestra de Galicia e, posteriormente, da Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia, realiza arredor de 50 concertos anuais, aos que cómpre engadirlles numerosas gravacións para a radio e para a difusión en disco compacto.

Ademais, as súas actuacións á fronte de distintas orquestras e as súas actividades docentes espállanse por numerosos países de Europa e máis de Iberoamérica.

Pola súa banda, a "Camerata ad Libitum" ofrece o seu primeiro concerto no ano 1990 desenvolvendo, dende entón, unha intensa actividade baixo a dirección de Julio Domínguez e doutros directores invitados.

A formación consta de 32 voces mixtas procedentes de distintas localidades da provincia de Pontevedra, e o repertorio que realizan, basicamente, é a capela con obras de todas as épocas e estilos, especialmente, compositores contemporáneos.

O xoves, día 17, dous músicos que uniron a súa paixón polo Renacemento formando a agrupación El Cortesano, levarán á Parroquia de María Auxiliadora o programa "Lóstregos no divino e no humano".

O proxecto artístico de El Cortesano, integrado polo contratenor José Hernández Pastor e o laúde e viola antiga Ariel Abramovich, nace na cidade suíza de Basilea no ano en 1998, e comezan un camiño de fonda indagación que, ao longo dos anos, foi definindo unha concepción artística comprometida e rigorosa.

Finalmente, o ciclo finalizará o sábado 19 de marzo coa actuación do grupo portugués "La Nave va", que interpretarán un programa dedicado a Bach.

Os seus integrantes, a soprano María Luisa Tavares, o flauta de pico António Carrilho, e a clave e órgano Ana Mafalda Castro, contan cun salientable palmarés musical, tanto no ámbito interpretativo, co que teñen viaxado por toda Europa, como no docente.
Descargar todas as imaxes