Escoitar

O Salón da Hostelería e Alimentación do Atlántico reunirá arredor de cen expositores no IFEVI

O Salón da Hostelería e Alimentación do Atlántico 2005 abrirá as súas portas o próximo 28 de maio no IFEVI. Durante tres días, arredor dun centenar de expositores encontrarán nel o escaparate no que mostrar as últimas novidades nos sectores da hostelería-restauración e da industria alimentaria.

mércores, 9 mar 2005
1110377500evolution.jpg
Arredor dun centenar de expositores de España e Portugal participarán no III Salón de Hostelería e Alimentación do Atlántico (SHA 2005), que se celebrará do 28 ao 30 de maio no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Considerada a feira máis importante deste sector no Noroeste peninsular, o Salón preséntase como un escaparate para as últimas novidades no equipamento para a restauración, a hostelería e o sector da alimentación.

O SHA, que ten unha frecuencia bienal, aumentará nesta terceira edición o número de empresas participantes, incrementará a súa superficie de exposición e terá unha maior oferta de actividades paralelas. Fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores e centrais de compra poderán presentar os seus productos neste Salón, que en pasadas edicións foi visitado por 16.000 persoas, das que un 30 por cento procedían de Portugal.

Segundo explicou a directora do SHA no acto de presentación celebrado hoxe mércores no Concello e ao que asistiu a concelleira de Turismo, Lucía Molares, o evento contará, por unha parte, co Salón do Equipamento para a Hostelería, Restauración e Colectividades e, por outra, o Salón destinado á Alimentación.

De forma paralela ao SHA desenvolverase un programa de actividades que, nesta edición, incluirá como unha das súas principais novidades unha cata de augas minerais. Ademais, os expositores poderán presentar as súas liñas gourmets, dirixidas fundamentalmente á hostelería. Tamén haberá un maratón de catas no que participarán os viños das firmas expositoras. Outra iniciativa destacada é o Sandwichforum, que introducirá os asistentes nos segredos da elaboración dos bocadillos.

No transcurso do Salón concederase un premio ao mellor stand e outro aos productos innovadores, celebraranse unhas xornadas técnicas, levaranse a cabo presentacións comerciais e os expositores contarán cun espazo exclusivo para a presentación de productos innovadores.

SHA 2005 conta co apoio do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, así como das principais asociacións do sector. En palabras da concelleira Lucía Molares, o obxectivo desta "cita consolidada en Galicia e o Norte de Portugal" consiste en "ofrecer unha visión dunha cidade turisticamente imporante".

A industrial alimentaria representa o 17 por cento da producción industrial española e conta con máis de 32.000 empresas. Pola súa banda, o sector da hostelería-restauración realizou compras pola cantidade de 8.666 toneladas en 2003, cun incremento de case o 3 por cento con respecto a 2002.
Descargar todas as imaxes