Escoitar

A Concellería de Xuventude e Radio ECCA achegarán a radio ás escolas

venres, 22 nov 2002
A Concellería de Xuventude e a Fundación Radio ECCA porán en marcha o proxecto ”A radio na escola”, un programa no que se propón achega-la radio ás escolas. A iniciativa está dirixida fundamentalmente ó alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. O proxecto comezará o 13 de decembro.

O equipo creativo de Radio ECCA levará a cabo nos colexios un espectáculo radiofónico durante hora e media, tendo como base os distintos recursos empregados neste medio desde os seus comezos ata os nosos días: a radio fórmula, os informativos, as retransmisións deportivas, a montaxe radiofónica, os efectos especiais, etc.

Nos últimos 15 minutos de demostración, Radio ECCA conectará en directo co seu magazine matinal, emitido no 96,5 da Frecuencia Modulada, e entrevistará ó/á director/a e ós/ás alumnos/as do colexio.

O programa desenvolverase tódolos venres do periodo lectivo a partir do 13 de decembro, ata a primavera. Como colofón final, levarase a cabo unha gran festa adicada ós/ás nenos/as das escolas participantes.

Os colexios interesados en participar na actividade teñen que enviar un fax á Concellería de Xuventude (986 294 934) o antes posible, xa que se atenderán as demandas por orde preferente de chegada.