Escoitar
Máis de 100 organizacións sociais participarán nesta iniciativa impulsada polo Concello e Universidade de Vigo

Constitúese a Plataforma do Voluntariado de Vigo

venres, 22 nov 2002
A Plataforma do Voluntariado de Vigo constituirase o sábado 23 de novembro coa participación de representantes de organizacións sociais, benéficas, veciñais, deportivas, xuvenís e de cooperación internacional. O número de socios e voluntarios supera as 3.000 persoas no momento da súa constitución.

A Asemblea Constituínte da Plataforma realizouse no Viveiro de Asociacións, na rúa Oliva nº 12, desde as 10:30 ata as 14:00 horas. A Plataforma pretende ser un lugar de intercambio de experiencias, de formación e de promoción de novos proxectos de voluntariado.

As organizacións promotoras (Asociación Española Contra el Cáncer, Cáritas, Federación de Peñas El Olivo, AIDA, Solidarios para el Desarrollo e a Fundación Secretariado General Gitano), aseguran que durante os próximos días serán máis de 30 as organizacións que formalicen a súa pertenza á Plataforma.

Unha primeira estimación realizada durante a asemblea apunta a que o número dos socios e voluntarios das entidades asinantes supera xa as 3.000 persoas, o que dá unha dimensión da relevancia social desta Plataforma.

A curto prazo, a Plataforma pretende consolidar a adhesión dos membros e traballar unha proposta global de desenvolvemento do voluntariado na cidade de Vigo, promovendo a sensibilización e a formación, e dotando ás diferentes organizacións de instrumentos para consolidar programas de voluntariado.

Comité de apoio e mecenado

O impulso da Plataforma foi iniciativa do Concello de Vigo, estando especialmente implicada desde o primeiro momento a Concellería de Participación Cidadá. Nas Xornadas Municipais de Voluntariado do pasado decembro presentouse a idea, que contou cunha notable acollida por parte dos colectivos sociais. Durante o primeiro semestre do ano preparouse o nacemento da plataforma, co apoio técnico da Concellería de Participación Cidadá e da Oficina Municipal de Voluntariado, quedando constituída a Comisión Xestora da mesma o día 7 de octubro.

Tamén a Universidade de Vigo se interesou pola iniciativa, acordando co Concello a participación na Plataforma mediante un Comité de Apoio e Mecenado. Esta fórmula permite dotar á Plataforma de independencia funcional, pero, ao mesmo tempo, significa unha forte implicación de ambas entidades no desenvolvemento da plataforma. Unha entidade financeira e a Xunta de Galicia poderían confirmar en breve a súa adhesión a este comité.