Escoitar

O CES defende unha saída sur no trazado do tren de alta velocidade

xoves, 21 nov 2002
O Consello Económico e Social ratificou o acordo da comisión técnica do ferrocarril que considera que o estudio informativo do Eixo Atlántico de Alta Velocidade Vigo-Pontevedra desbota, condea e inviabiliza unha aspiración lóxica e lexítima que se concreta na denominada saída sur, que posibilitaría a ansiada conexión co norte de Portugal en alta velocidade e a saída cara Ourense polo Miño para facilitar a comunicación de Galicia coa Meseta.

Para darlle cobertura axeitada ás ineludibles necesidades da área sur de Galicia é imprescindible a selección dunha adecuada cota de saída no túnel da Madroa que permita o soterramento do tramo de entrada a Vigo accedendo por debaixo da rasante actual á estación de Urzáiz, o que posibilitará a continuación do túnel polo subsolo do centro urbano e a chegada do ferrocarril, ou a cercanía do mesmo, aos prósperos núcleos industriais da zona sur da cidade que demandan e esixen ese servicio público. Entre eles están a Zona Franca (Citroën) e a Área de Bouzas para continuar logo cun segundo túnel suburbano cara o Porriño. A construcción dun trazado a máis baixa cota do actual daría resposta axeitada e definitiva ao negativo impacto ambiental do ferrocarril na cidade que se produce nun tramo densamente urbanizado (Teis), feito que non pode ser descoñecido nin quedar illado ante un investimento tan ambicioso como o pretendido.