Escoitar
Critica a pasividade do Goberno central e censura a forma de xestionar a crise

O alcalde esixe a adopción de medidas preventivas para evitar a chegada da marea negra á ría

xoves, 21 nov 2002
imx2018.jpg
Marea negra
O alcalde, Lois Castrillo, criticou a ausencia de medidas adoptadas polas autoridades competentes para evitar que a maior potencia pesqueira e marisqueira de Europa se vexa afectada polo vertido do petroleiro ”Prestige”. Castrillo reclamou a busca da axuda internacional necesaria para frear a chegada da marea negra ás costas das Rías Baixas ou alomenos paliar os seus efectos.

O alcalde vigués censurou a pasividade do Goberno ante a ameaza da chegada de máis manchas de fuel á costa galega e lamentou o despropósito ”de pasear o barco por toda a fachada atlántica galega”. O rexedor dixo que se trata dun desastre ecolóxico sen precedentes que repercutirá de forma moi negativa na economía. Castrillo cre que as autoridades competentes non poden limitarse a ofrecer indemnizacións, senón que deben adoptar de inmediato medidas preventivas ante o risco de que a marea negra se extenda tamén ás Rías Baixas. ”O Goberno central está a expensas do vento”, afirmou.

Castrillo conversou con alcaldes doutros concellos das Rías Baixas que coincidiron en censurar o comportamento do Goberno central. Esixiron tamén a instalación de barreiras protectoras oceánicas para evitar a entrada de manchas de combustible nas rías. ”Hai países que dispoñen de medios para paliar os efectos deste desastre e aquí só se ofrecen indemnizacións mentres se podería buscar esta axuda internacional”, dixo o alcalde.

Castrillo dixo estar emocionado pola resposta da sociedade civil: ”Estamos a recibir numerosas ofertas de axuda, pero lamentablemente os concellos o único que poderemos facer é limpar as consecuencias do desastre e agora aínda estamos a tempo de evitalo”.
Descargar todas as imaxes