Escoitar

Comunicado de apoio á problemática das persoas con tratamento oncolóxico

xoves, 21 nov 2002
O Consello Municipal da Muller de Vigo, na xunta do día 13 de novembro, acordou prestarlle o seu apoio á problemática que están a vivir as persoas enfermas oncolóxicas que hoxe reciben tratamento no Hospital Xeral-Cíes da nosa cidade.

As persoas que teñen esta patoloxía viven con esperanza os grandes avances que a ciencia médica está a lograr no tratamento do cancro, que supón en moitas ocasións unha mellora na súa calidade de vida cando non a súa recuperación.

Entre estes avances cítase un novo tratamento que existe no mercado co nome de ZOMETA, que está a demostrarse que ten resultados moi eficaces tanto na prevención como no tratamento das metástases óseas, asociadas a un gran número de tumores, entre eles o de mama.

Este tratamento está a utilizarse en 65 países e foi aprobado pola F.D.A. norteamericana e recomendado por unha directiva da Unión Europea. Así mesmo, pola súa eficacia terapeútica esta a utilizarse en varios hospitais do estado español así como en hospitais do territorio do SERGAS tanto públicos como concertados.

No caso do Hospital Xeral-Cíes de Vigo, malia que o equipo de oncólogos vén recetando este medicamento para determinados pacientes, o Servicio de Farmacia deste centro hospitalario negase a subministralo en contra dos criterios médicos.

Despois de que o ”Grupo de autoapoio de enfermos de cancro e familiares” tivese desenvolvido medidas de presión tanto a través dos medios de comunicación como de entrevistas con diferentes cargos deste hospital, deciden administrar ZOMETA a un grupo de persoas,discriminando deste tratamento ás mulleres que teñen cancro de mama con complicacións de metástases óseas.

Non é, polo tanto, un criterio que derive dun dictame médico senón que priman criterios economicistas sobre a saúde pública. E unha vez máis as mulleres son discriminadas con esta medida inxusta e desigual.

Dende o Consello Municipal da Muller de Vigo pídeselles ás autoridades do SERGAS que actúen urxentemente poñendo os recursos adecuados para tratar as persoas con enfermidades oncolóxicas independentemente do sexo, zona ou hospital de referencia. Isto significa que todas teñen que ter acceso sen ningún tipo de discriminación aos novos avances científicos.