Escoitar

Xesus López presenta os actos do aniversario do Verbum, coas exposicións "Vigo, cidade Babel" e "Galiza nas ondas"

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum que conmemora o octavo aniversario da súa apertura, e na que a diversidade lingüística é o eixo central. Na presentación, o nacionalista salientou tres elementos fundamentais nesta programacion, como son o Plan Museolóxico do museo e as exposicións "Vigo, cidade Babel", que se inaugurará o 29 de abril, e "Galiza nas ondas", que comezará o 4 de maio.

venres, 15 abr 2011
1302872317Verbum.JPG
Xesus López destacou o traballo que realizado no Verbum-Casa das Palabras dende hai tres anos no obxectivo de convertelo nun "museo de referencia", que segundo explicou completarase no 2012 coa reforma da exposición permanente. Neste sentido, o director do museo, Rosendo Covelo, asegurou que haberá "cambios moi fondos", tanto de percorrido como de concepción.

O concelleiro de Cultura afirmou que o Plan Museolóxico xa está rematado e o seu cometido é marcar "a nova liña que debe seguir este espazo". Ao respecto, Rosendo Convelo lembrou que o museo careceu deste plan no seu nacemento, polo que dos obxectivos marcados hai tres anos foi formulalo cunha boa elaboración tanto museística como técnica, fomentando a diversidade lingüística que marca a Axenda 21 da Unión Europea.

Para o concelleiro nacionalista, a inauguración da mostra "Vigo, cidade Babel" vai marcar "o seguinte paso do museo" e será un adianto da exposición permanente do Verbum. "Establecerá claramente como se transformará nun elemento referente da cidade", asegurou. A mostra consta de tres ámbitos, un adicado ás linguas do mundo, outros ás linguas do Estado e outro ao galego en Vigo. Na súa elaboración participaron distintas asociación de inmigrantes da cidade, así como a colaboración dos veciños e veciñas de Vigo. O proxecto conta así mesmo co apoio e o recoñecemento de diversas institucións e organismos de renome, entre as que están a Universidade de Vigo, a Real Academia Galega ou varias Cátedra da Unesco, de feito a Comisión Española da Unesco está estudando avalar publicamente o proxecto debido ao seu interese.

Por outra banda, o edil do BNG sinalou que "Galiza nas Ondas" será unha exposición temporal pero de longa permanencia no museo e abarca a historia da radio dende que comezou en 1923 a emitir en Galiza. Está organizada por lapsos cronolóxicos dende os primeiros anos trinta ata a actualidade, desde os inicios ligados ao galeguismo e aso Estatuto de Autonomía, a censura franquista, a apertura de finais dos 70, a transición democrática e o presente da radio na era dixital e segundo apuntou Xesus López colaboraron moitas das radios que hoxe en día están en activo.

Rosendo Covelo explicou outras das actividades previstas para conmemorar o octavo aniversario do museo. Mencionou o Ciclo para bebés, que terá dúas sesións, os días 22 e 23 de abril, a primeira para nenos e nenas entre 1 e 4 anos e a segundo de 6 meses a 3 anos. Destacou que o 25 de abril terá lugar a estrea do espectáculo de produción propia "Xeración Nós", que ten por obxectivo dar a coñecer a figuras fundamentais da renovación da literatura e o pensamento galeguista como Castelao, Risco ou Cuevillas, entre outros. Apuntou que os días 27, 28 e 29 de abril en horario de 10 a 11 ou de 12 a 13 horas haberá sesións destinadas ao alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato.

O director do Verbum fixo referencia tamén ás novidades "en relación á nova dimensión comunicativa do museo", como é o achegamento á cidadanía a través dunha canle de televisión e as redes sociais. Puxo en valor que o perfil de facebook do museo ten 540 usuarios mentres que a conta de twitter conta cun cento de seguidores e seguidoras. "Tentamos enviar de forma periódica as novidades ás persoas inscritas, informándoas das propostas", manifestou.
Descargar todas as imaxes