Escoitar

A compañía Tanttaka representa mañá no Auditorio Municipal a obra "La mujer justa", de Sandor Márai

O Auditorio Municipal acollerá mañá, 15 de abril, a representación da adaptación da obra de Sandor Márai "La mujer justa" ás 21 horas, a cargo da compañía Tanttaka. Esta actuación enmárcase no programa "Con T de Teatro" que a Concellería de Cultura organiza no Auditorio do Concello. O prezo das entradas é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo do espectáculo.

xoves, 14 abr 2011
Dirixida por Fernando Bernués, e interpretada por Rosa Novell, Cristina Plazas, Álex Casanovas, Víctor Pi e Oriol Algueró, "La mujer justa", componse de tres falsos relatos que contan tres historias ou unha historia con tres planos superpostos: un triángulo amoroso, cos seus misterios e as súas revelacións; unha crónica de decadencia e extinción dunha sociedade rixidamente xerarquizada e o profundo cambio ocorrido en Europa por mor da guerra, a destrución e a barbarie.

Cada un dos tres narradores refire a mesma historia, pero non só desde un punto de vista distinto e a miúdo contraditorio co anterior, senón retomándoa a partir do momento en que a deixa o narrador anterior. Ademais, hai un cuarto personaxe, cuxa voz non aparece directamente no relato, pero cuxas intervencións coñecemos a través de tres narradores, que percorre as tres historias e achega un balance lúcido, en aparencia frío, no fondo desesperado, de tres temas como o engano dos sentimentos e a impotencia dos afectos non correspondidos, a inviabilidade dunha clase social cuxos privilexios xa non teñen razón de ser nun mundo cambiante, e a irracionalidade da conduta humana, individual e colectiva.