Escoitar

Santi Domínguez di que o Racingshow, que será o 30 de abril no Ifevi, consolídase como escaparate dos pilotos galegos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores a quinta edición do Racingshow Novacaixagalicia, que se celebrará o 30 de abril no Ifevi. O nacionalista destacou que o evento reunirá a grandes figuras internacionais de rally, así como aos mellores pilotos galegos, de xeito que se consolida "como un escaparate para os nosos pilotos". Salientou tamén que nesta quinta edición o certame fai unha rebaixa nos seus prezos, para facilitar a asistencia de todos os públicos.

mércores, 13 abr 2011
1302698937Racingshow.JPG
"Por quinto ano consecutivo teremos a oportunidade de gozar dun dos mellores espectáculos do motor", afirmou. Santi Domínguez destacou a importancia de que na época de crise actual este evento se manteña no calendario do recinto feiral vigués. "Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo temos que seguir apoiándoo porque Vigo non pode parar nin podemos permitir que a cidade quede atrás no escalafón que temos acadado para o Ifevi como referente de grandes eventos", asegurou ao respecto.

O tenente de alcalde expresou o seu desexo de que as gradas estean "ateigadas de público un ano máis", polo que felicitou á organización a decisión de rebaixar o prezo das entradas. O representante de Eventos del Motor, José Elvira, explicou neste sentido que a entrada normal que noutras edicións custaba 20 euros pasa agora a 15 euros, mentres que mercándoas antes do 21 de abril a través de Servinova ten un desconto do 30% e queda en 10,5 euros. Santi Domínguez tamén agradeceu a colaboración de Novacaixagalicia, "pola aposta que fai polo deporte e polos grandes eventos como este", e da escudería Rías Baixas, nomeadamente polo seu traballo "que nos fai sentir orgullos do rally" .

José Elvira falou, por outra banda, da presenza das grandes figuras dos rallyes no Racingshow. Sinalou que nesta ocasión participarán o piloto noruegués Stig Blomqvist, campión mundial de rallyes en 1984, e o finés Markku Alen, campión da Copa da FIA de Pilotos Rally en 1978 e subcampión do mundo en 1986 e 1988. Explicou que estes dous pilotos mediranse aos mellores pilotos galegos e portugueses, dun total de 40, como Manuel e Víctor Senra, Alberto Meira, Luis Penido, Víctor Magariños, André Pimenta e Ricardo Costa, entre outros. Respecto ao percorrido indicou que é o mesmo que o da pasada edición debido á boa acollida entre pilotos e público, de forma que o 50% será no interior do recinto e o 50% no exterior, onde se colocarán gradas para o público.

En representación de Novacaixagalicia, Jorge Santos destacou a colaboración da entidade dende o inicio do evento. Lembrou que o Racingshow naceu como "revulsivo para o Salón do Automóbil", que permite ter unha visión máis deportiva e competitiva do mundo do automóbil. Por outra banda, salientou a aposta feita dende entón polo turismo e que na actualidade trae a milleiros de persoas a Vigo a través dos eventos deportivos e culturais que se celebran na cidade, entre os que citou a Copa do Rei de Balonmán e o Campionato de España de Patinaxe. "É unha aposta boa, necesaria e de éxito", asegurou.
Descargar todas as imaxes