Escoitar

Santi Domínguez confirma a adquisición da Casa do Patín de Bouzas e anuncia que será biblioteca de proximidade

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, confirmou este martes a adquisición por parte do Concello da "emblemática" Casa do Patín de Bouzas, pechando así un proceso que se iniciou hai vinte anos. O nacionalista anunciou que "unha vez rehabilitada" destinarase á biblioteca e incorporarase á Rede de Bibliotecas Municipais de Proximidade, xunto á recentemente inaugurada en Martínez Garrido e a que se vai habilitar en Navia. O nacionalista adiantou que o obxectivo é que a execución da rehabilitación estea rematada a finais do vindeiro ano.

martes, 12 abr 2011
1302612557Casa.JPG
O tenente de alcalde destacou que esta actuación cumpre dous obxectivos fundamentais asumidos polo BNG ao inicio do mandato. "Ademais de cumprir o compromiso coa veciñanza de Bouzas, tamén cumprimos coa implementación da Rede de Bibliotecas Municipais", asegurou. Para o nacionalista tamén é importante contar co beneplácito dos veciños e veciñas deste barrio histórico. Neste sentido, explicou que esta decisión de destinar á Casa do Patín a biblioteca foi trasladada á Asociación Veciñal de Bouzas, que amosou a súa "total conformidade", porque era un dos servizos básicos necesarios no barrio.

Tras un "longo proceso", en palabras de Santi Domínguez, de case vinte anos dende que se iniciaron os primeiros acordos para recuperar este espazo, o concelleiro de Cascos Históricos manifestou a súa satisfacción por "anunciar que por fin está rematado". Segundo destacou o nacionalista "resoltos os obstáculos, hoxe podemos dicir que o compromiso está cumprido, o cal enorgulléceme como tenente de alcalde".

Respecto ao custe da adquisición, 440.000 euros, Santi Domínguez indicou que se afrontará mediante unha partida de 320.000 euros que xa figura no orzamento correspondente a 2010, e vaise completar cunha modificación orzamentaria de 120.000 euros que se aprobará no pleno deste mes de abril. O nacionalista explicou que o espazo ten unha superficie de 300 metros cadrados, mentres que a edificabilidade é de 500 metros cadrados e aclarou que o conforman catro pequenas parcelas froito do proceso de segregación hereditaria.

O tenente de alcalde manifestou que o edificio está nun "estado de ruína total", polo que a intervención necesitará unha "reconstrución absoluta", na que asegurou que se manterá a súa singularidade. "Cremos que esta iniciativa contribuirá á dinamización do barrio histórico de Bouzas e completa a actuacións xa levadas a cabo", salientou. Entre esas iniciativas mencionou a recuperación de fachadas e a rehabilitación de espazos como o contorno da Praza Diego Santos, a rúa Cruceiro Vello e da rúa de acceso dende a alameda Suárez Llanos.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, explicou que entre os encargos que recibiu do tenente de alcalde hai catro anos un deles foi a posta en marcha da Rede de Bibliotecas Municipais. Indicou que esta rede ten unha "organización piramidal", na que no vértice está a Biblioteca Central, na base os puntos de lectura e como "eslabóns intermedios", as bibliotecas de proximidade. Xesus López asegurou que coa ampliación da rede eliminaranse as diferenzas entre a cidadanía do centro e das parroquias.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, sinalou que durante desde hai vinte anos este espazo estaba destinado a ter uso como dotación pública, o cal fixo que os propietarios estiveran á espera de que a finca fora adquirida e que o deterioro da mesma aumentase. "Esto lévanos á dicir que cando a administración ten que actuar debe facelo con certa urxencia", advertiu o concelleiro nacionalista. Destacou que a Casa do Patín ten unha localización extraordinaria, de xeito que a súa recuperación "animará a vida cultural, social e económica da vila de Bouzas". Ademais, sinalou que o inmoble ten un pequeno xardín que se procurará manter como espazo de lecer da propia biblioteca.
Descargar todas as imaxes