Escoitar

Abel Caballero reclama "asegurar" que os avais a Vulcano garantan os 800 empregos do buque 533

O alcalde de Vigo esixiu este xoves que os avais que poidan conceder a Factorías Vulcano tanto a Xunta de Galicia como PYMAR (Pequenos e Medianos Astaleiros en Reconversión) sirvan para "garantir o emprego" das 800 persoas que traballan na construcción do buque sísmico 533, e non "para outros sitios", como para saldar outras débedas. PYMAR reúnese este xoves en Madrid para analizar os posibles avais ao astaleiro vigués.

xoves, 11 nov 2010
1289482264017.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este xoves á Xunta de Galicia e a PYMAR que os avais que concedan a Factorías Vulcano sirvan para "garantir o emprego" -uns 800 traballadores- que xera a construcción do buque sísmico 533.

Caballero indicou que PYMAR mantén a súa vontade de conceder o aval de 4,5 millóns de euros coa "especial vocación" de asegurar a construcción do buque 533 e manter os empregos derivados desta encarga.

"Debemos garantir que estes recursos van para ese barco", explicou Caballero, e evitar así que os avais sexan dirixidos "para outros sitios", como saldar débedas anteriores, citou coma exemplo. O alcalde indicou que desde o Concello reclamou que o respaldo económico de PYMAR asegure que os fondos van destinados en exclusiva á finalización do buque, porque ademais "é unha boa operación para PYMAR", que ten no 533 uns 40 millóns de euros en avais.

A garantía laboral que reclama Abel Caballero para os traballadores de Vulcano é "unha operación que se debe facer" e permita así "garantir o emprego" deste buque. "Niso temos que confluír todos", zanxou o rexedor vigués.

Pequenos e Medianos Astaleiros en Reconversión -entidade na que está representada a Xunta de Galicia, xunto co Ministerio de Industria e outros astaleiros españois- ten convocada para a tarde deste xoves unha reunión para estudar a posible concesión dos avais a Factorías Vulcano.
Descargar todas as imaxes