Escoitar

Urbanismo elaborará en quince días o proxecto de demolición dos apartoteis de Samil para dar cumprimento á senteza xudicial de derrubo

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, informou este mércores da planificación municipal para "dar cumprimento á sentenza xudicial" de derrubo do inmoble. En 15 días estará elaborado o proxecto, será enviado aos xulgados, notificarase as decisións aos propietarios e os suministros eléctricos e de abastecemento quedarán cortados o 29 de xaneiro. Despois adxudicarase o proxecto de demolición do edificio.

mércores, 10 nov 2010
1289395775urbanismo.jpg
O Concello de Vigo non presentará recurso de súplica ante a sentenza de demolición dos apartoteis de Samil e elaborará en quince días un proxecto de demolición para remitir aos xulgados.

En rolda de prensa, o concelleiro de Urbanismo, José Mariño, explicou que o goberno local ten "respecto absoluto por todas as sentenzas xudiciais" e se vai "dar cumprimento" ás mesmas. Polo tanto, o Concello ten xa un programa previsto para cumprir co ditame do Tribunal que concede 10 días á administración local para facelo.

Tras a elaboración do proxecto de derrubo, Urbanismo contactará coas empresas de suministro eléctrico e de abastecemento para que o 29 de xaneiro de 2011 estean cortados os servizos. O edificio será precintado, unha vez os inquilinos teñan abandonado o inmoble. O Concello notificará ás decisións municipais aos propietarios catastrais afectados pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A partir do precinto, e despois do corte dos suministros previsto como data máxima para finais de xaneiro, o Concello tramitará a adxudicación do proxecto de demolición, para o que acudirá ás partidas orzamentarias destinadas ao efecto. Urbanismo repercutirá os custos do proceso aos propietarios dos inmobles, pois o TSXG recorre ao Concello ao non atender estes á orde de demolición sentenciada polo xuíz.

José Mariño reiterou que "a lei é exactamente igual para todos" e do mesmo xeito que se derrubaron vivendas unifamiliares ou se precintan recintos comerciais sen licenza, o Concello respectará esta sentenza que invalida a edificación. O edil recordou que a promotora solicitou autorización municipal para construir apartoteis, permitido tanto pola normativa urbanística anterior como a actual, e pola contra erguíuse "un edificio residencial" de vivendas particulares que non se adapta á lexislación, o que Mariño cualificou como un "gran pelotazo urbanístico da promotora" inmobiliaria que o Concello de Vigo non vai amparar.
Descargar todas as imaxes