Escoitar

O vigués Alex Cal leva o mundo do cómic aos espazos da Alcaldía de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este martes unha nova mostra do ciclo "Mostrarte", no que consagrados e noveis artistas vencellados á cidade olívica expoñen o seu traballo na Alcaldía do Concello de Vigo. A iniciativa ábrese ao cómic coa presenza do vigués Alex Cal, o ilustrador máis novo en publicar coa editorial Marvel Comics, responsable de éxitos como Spiderman, entre outros. Desde 2009 debuxa para a serie G.I.JOE, onde incluiu distintas imaxes da cidade de Vigo.

martes, 9 nov 2010
1289309468alexcal.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este martes a mostra do vigués Alex Cal, que abre os espazos da Alcaldía do Concello ao mundo do cómic mediante o ciclo "Mostrarte".

O debuxante e ilustrador vigués Alex Cal convertiuse no español máis novo en publicar coa editorial Marvel Comics, grazas ao seu traballo no Amazing Spider-man Family#1. Colaborador do fanzine vigués "Fuck Comics", Cal iniciou a súa andadura nos Estados Unidos en 2007 conseguindo un contrato co selo "Boom Studios" para debuxar a serie de cinco números "North Wind", un dos primeiros cómics distribuidos de balde en Internet ao tempo que de venda en papel.

Tras o seu traballo en Spiderman para Marvel, este vigués de 25 anos realizou "The Stand-in" para a editorial "Ardeen Entertainment". Desde 2009 debuxa na serie cómic G.I.JOE, onde introduxo distintas homenaxes á cidade de Vigo incluindo monumentos e rúas da urbe.

Co cómic de Alex Cal, o ciclo Mostrarte -que leva o arte aos espazos abertos da Alcaldía de Vigo- toca un novo medio narrativo que conxuga a imaxe e a palabra, un produto do século XX que ultimamente vai gañando lectores paulatinamente e estase a converter nunha verdadeira literatura da imaxe.
Descargar todas as imaxes