Escoitar

O alcalde data para primavera a apertura ao público das reformadas instalacións deportivas da ETEA

Segundo informou Abel Caballero, o goberno local deu luz verde á adxudicación definitiva do arranxo da piscina e da pista polideportiva da ETEA, nas que o Concello investirá 860.000 euros. O alcalde anunciou máis melloras en Teis, como as adxudicacións da reforma de Toural e Ríos, a fábrica de Garavilla e os acondicionamentos da rúa Coutadas e da parte inicial de Julián Estévez.

luns, 8 nov 2010
1289224671017.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este luns que a reforma das instalacións deportivas da ETEA, adxudicada definitivamente hoxe polo goberno local, permitirá a súa apertura na próxima primavera de 2011.

Tras a Xunta de Goberno Local, Caballero explicou que a reforma da piscina -que precisará dunha "transformación moi a fondo" para convertela en uso cidadá- e da pista polideportiva conleva un investimento municipal de 860.000 euros, unha "obra enormemente demandada en Teis", pois non tiveron usos deportivos desde o seu peche como instalación da Armada.

Outras melloras en Teis
O goberno local tamén adxudicou inicialmente outras reformas para o barrio de Teis, que suman partidas superiores ao millón e medio de euros, ademais das instalacións deportivas da ETEA.

O Concello adxudicou as obras de Toural e Ríos, dúas humanizacións en zonas que levaban "medio século" sen ningunha actuación municipal, apuntou Caballero. Toural inclúe os viais interiores e a Robleda e Ríos a Baixada á Iglesia e o Camiño Real. Estes dous acondicionamentos custarán 812.000 euros.

Por outra banda, adxudicou o goberno presidido por Abel Caballero o acondicionamento da factoría Garavilla, con 418.000 euros, e a parte do ámbito exterior da mesma, por 45.000 euros máis. O Concello tamén contratou a mellora da rúa Coutadas, cun orzamento de 68.000 euros, e a humanización da parte habitada de Julián Estévez, 256.000 euros para a reforma do vial que inclúe os parques e un carril bici.

En total, e ao longo do actual mandato municipal, o alcalde vigués cifrou en 28,5 millóns de euros os investimento do Concello no barrio de Teis.
Descargar todas as imaxes