Escoitar

A terceira edición do mercado de produtos tradicionais do Casco Vello contará o domingo coa visita de monicreques

A terceira edición do mercado de produtos tradicionais galegos, que se celebrará o domingo 7 de novembro de 11 a 14 horas no Paseo de Alfonso contará coa celebración dun obradoiro de monicreques e a representación de "O galo Quirico e os seus amigos". Segundo informa a Concellería de Patrimonio Histórico, se non fose posible a celebración no seu lugar orixinal debido as inclemencias climatolóxicas, o mercado trasladarase á Praza da Constitución.

venres, 5 nov 2010
Nesta terceira edición da feira prodúcese un novo incremento do número de vendedores e artesáns participantes, chegando a dezaseis. Ademais de atopar produtos de horta ecolóxicos, tecidos artesanais, conservas ecolóxicas, pezas de coiro, xabróns artesanais, alimentos de comercio xusto, plantas aromáticas, cestos de vimbio e madeira tallada, tamén se poderán degustar produtos típicos de outono como as castañas.

O obradoiro de monicreques, de 11.30 a 12.15 horas, e a representación da obra "O galo Quirico", de 12.45 a 13.40 horas, desenvolveranse en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística. Para participar é preciso inscribirse na propia feira a partir das 10.30 horas ou na web www.cat.vigo.org. O obradoiro é un espectaculo para todos os públicos no que os espectadores participan cantando e danzando cos contos de O Galo Quirico seguindo a versión publicada por Bernardino Graña e con música en directo, interpretada polo acordeonista Carlos Quintá. A representación da obra correrá a cargo da compañía de monicreques Viravolta.