Escoitar

Caballero agradece a cooperación veciñal na cesión de terreos para novas beirarrúas, que estimou en 2.000 metros cadrados

O alcalde de Vigo agradeceu este luns a "cooperación" dos veciños e veciñas da cidade, que ceden gratuitamente parte dos seus terreos para que o Concello poida construir beirarrúas. Caballero estimou en 2.000 metros cadrados os espazos permutados, un dos cales fixo posible a construcción de beirarrúas na baixada a Saiáns, proxecto modificado este luns na Xunta de Goberno Local.

luns, 20 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu este luns a cooperación da veciñanza viguesa na cesión de terreos para construir beirarrúas, preferentemente nas parroquias da cidade.

Segundo explicou o socialista, os propietarios ceden de balde parte dos seus terreos e o Concello lles retranquea o muro e constrúe unha beirarrúa na zona. Este procedemento xa tivo lugar en Matamá, Oia, Candeán, Saiáns, Castrelos, Cabral ou Comesaña, citou o alcalde.

Unha cesión dun particular fixo posible que hoxe a Xunta de Goberno Local dera o visto bo ao proxecto de construcción de beirarrúas na Baixada a Saiáns, onde ademais reformaranse arquetas, canalizacións e alumeado.

Paneis solares
Na mesma comparecencia de prensa, o alcalde deu conta da decisión municipal de destinar case que 100.000 euros nunha instalación solar fotovoltaica no Parque Central de Santa Cristina, en Lavadores.

Abel Caballero enmarcou esta medida dentro da política local de combater os gases de efecto invernadoiro e indicou que o Concello coopera coa Fundación Axencia Intemunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi) nun proxecto para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e sedes municipais.