Escoitar

Declaración do Concello de Vigo polos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio

venres, 17 set 2010
O ano 2010 é unha data clave para a loita contra a pobreza e a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Subscritos por 189 países membros da ONU na Declaración do Milenio do ano 2000, os ODM representan un compromiso histórico e unha verdadeira folla de ruta de loita contra a pobreza. A cinco anos do prazo fixado pola Comunidade Internacional para alcanzar estes Obxectivos, e a pesar de que nos últimos anos se realizaron grandes avances, de non corrixir certas tendencias actuais, o seu cumprimento é aínda incerto. O contexto actual de crise ameaza ademais con paralizar ou mesmo reverter algúns progresos.

Por iso, o Secretario Xeral das Nacións Unidas convocou para os días 20, 21 e 22 de setembro un Cumio de xefes de Estado e de Goberno dedicado aos ODM no marco da Asemblea Xeral das Nacións Unidas en Nova York. A labor do Cumio é avaliar os éxitos, fracasos e retos pendentes na loita contra a pobreza extrema no mundo; así como acordar plans de rescate para acelerar o progreso no cumprimento dos ODM para 2015.

Nós, Concello de Vigo, estamos determinados a que os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio sexan alcanzados. A nosa determinación incondicional demóstrase así:

Priorizando os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio: erradicar a pobreza e a fame, lograr a educación primaria universal, promover a igualdade de xénero, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater o VIH/SIDA, garantir un medio ambiente sostible e crear unha alianza mundial para o desenvolvemento, asegurando que os países ricos dan maior e mellor axuda, reducen a débeda e melloran as oportunidades de comercio dos países máis pobres;

Recalcando o papel prioritario dos Gobernos Locais na promoción dos ODM;

Subliñando a necesidade de accións de sensibilización cidadá para alcanzar os oito Obxectivos no ano 2015;

Sensibilizando sobre o feito que os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio requiren compromisos da sociedade no seu conxunto.

Nós, Concello de Vigo, solicitamos ao Goberno Central: Que adopte unha posición firme ante o Cumio das Nacións Unidas en Nova York que terá lugar do 20 ao 22 de setembro de 2010, e presente un plan de rescate ambicioso, que inclúa medidas concretas para acelerar o cumprimento dos ODM no período 2010-2015.

Que estableza un calendario con prazos vinculantes para aumentar a axuda ao desenvolvemento e mellorar a súa eficacia.