Escoitar

Xabier Alonso presentou a primeira Xornada Siareira que pretende achegar os clubs aos seus afeccionados

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe a primeira edición da Xornada Siareira, que se celebrará no hotel Coia ao longo do vindeiro día 25 e que pretende "achegar os clubs aos siareiros", segundo dixo. "É un sector do deporte que non se visibiliza e queremos dar voz aos que non a teñen para que fagan chegar as súas preocupacións e suxestións", explicou o concelleiro e presidente da Fundación VIDE.

venres, 17 set 2010
1284727741siareiros.jpg
Tres serán os grandes temas xerais dos debates, a relación entre Siareiros e clubs e o deporte feminino e o discapacitado, e neles mesturaranse opinións de deportistas, dirixentes, patrocinadores, xornalistas e, por suposto, siareiros. "Nos debates, que darán paso ás preguntas do público, todos están chamados a participar", dixo o edil nacionalista. Ademais, considera que este encontro "vai ser unha xornada de confraternización, porque non queremos que haxa elementos estancos". Segundo el, "debe haber compromisos deportivos transversais. A xornada terá un debate pola mañá (12:00 horas), unha comida de confraternidade e un segundo debate (16:00 horas).

Durante a clausura haberá un premio para o siareiro e a siareira máis fieis co deporte. Despois chegarán os premios Siareiros 2009/2010, de VIDE, que na súa segunda edición (a primeira tivo lugar no Verbum) premiarán de novo ao mellor club Siareiro Elite e ao mellor Siareiro base da tempada, ao compoñente máis destacado do programa de Voluntariado e, como en 2009, haberá un cuarto premio, que será especial.

Este evento pretende facerse de xeito anual e os clubs acollérono con interese. "Unha das boas creacións do Concello foi a Fundación VIDE e o único que faltaba tras unir aos clubs ao redor de VIDE era unir aos afeccionados cos clubs", sostivo Carlos Álvarez, vicepresidente do Celta Indepo. Antón Piñeiro, presidente do Seis do Nadal-Coia de balonmán, asegurou que "VIDE significa moito nesta cidade, e deu fe de que non só se apoia aos clubs de elite, senón tamén aos de base, porque ata hai pouco eu pertencía ás entidades de base". Para el, "é bo que todos poidamos compartir unha xornada e é bo o carné Siareiro, que axuda ao deporte en xeral".

O custe da inscrición na Xornada Siareira, que inclúe a comida, será de 10 euros e as inscricións faranse na Fundación VIDE.
Descargar todas as imaxes