Escoitar

Concello e Celta coinciden en que a reforma do estadio de Balaídos pasa porque Vigo sexa sede do Mundial

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, mantiveron hoxe unha xuntaza co presidente do Celta, Carlos Mouriño, e o vicepresidente Ricardo Barros, para analizar a situación dos proxectos da remodelación do estadio de Balaídos e da cesión do campo de Barreiro para uso dos equipos de Lavadores. Santi Domínguez explicou que a reforma de Balaídos está pendente da decisión sobre a sede do Mundial do 2018 ou 2022 á candidatura ibérica España-Portugal e anunciou que se están producindo avances con respecto a Barreiro.

luns, 20 set 2010
1284987528Celta.JPG
O nacionalista sinalou ao remate da xuntanza que hai coincidencia co Celta sobre que a reforma de Balaídos está a expensas de que Vigo sexa sede ou non do Mundial. "Nestes momentos, en que a cidade ten que facer fronte ás necesidades sociais xeradas pola situación de crise, este investimento de máis de 100 millóns de euros non o pode asumir só o Concello e o Celta enténdeo. O proxecto do novo estadio pasa polo Mundial e porque outras administracións se involucren", asegurou. A este respecto, apuntou que axudaría moito a implicación da Xunta e a Deputación no financiamento do proxecto.

Santi Domínguez garantiu, sen embargo, que mentres no se pode abordar a reforma o Concello de Vigo vai seguir cumprindo as súas obrigas para dar resposta a todas as necesidades que sexa necesario cubrir no estadio. Neste sentido lembrou que é algo que xa se está facendo nestes tres últimos anos.

A preguntas dos xornalistas sobre as posibilidades que Vigo ten para ser sede do Mundial si finalmente e elixida a candidatura ibérica, o tenente de alcalde indicou que "somos optimistas". Considera que si se teñen en conta a proximidade a unha das sedes propostas por Portugal como é Porto, a traxectoria de Vigo no mundo do fútbol e que xa foi sede doutro Mundial a nosa cidade debería ser unha das elixidas. Santi Domínguez defendeu igualmente que a celebración deste tipo de eventos tamén se debe aproveitar para resolver as necesidades de reforma dos estadios.

Na reunión tamén se analizou a situación de Barreiro. Segundo o convenio asinado o ano pasado entre Concello e Celta, o club deixará esta instalación para uso dos equipos de Lavadores e contará cun novo campo na Madroa. Santi Domínguez afirmou que o Celta "está colaborando moi positivamente" e se está avanzando na resolución desta cuestión. Sen embargo, non quixo concretar datas.
Descargar todas as imaxes