Escoitar

Santi Domínguez presenta unha guía de recursos para favorecer a integración en Vigo das persoas estranxeiras

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, presentaron este venres a "Guía de información e acollida para persoas de procedencia estranxeira". Os nacionalistas salientaron que a edición desta ferramenta trata de dar solución ás demandas de información das persoas que chegan a Vigo co obxectivo de facer unha cidade máis igualitaria e acadar a plena integración do colectivo emigrante.

venres, 25 xuñ 2010
1277469217Inmigracion.JPG
Santi Domínguez destacou que mediante esta guía de recursos se avanza no cumprimento do reto da igualdade, "un dos obxectivos que dende o principio do mandato non propuxemos dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social". Explicou que ao seu xuízo, gobernar para as persoas significa que as persoas "teñen que ser o centro das accións políticas" e que todas elas teñan igualdade de condicións para acceder aos recursos que existen na cidade.

En Vigo hai na actualidade empadroadas máis de 18.000 persoas extranxeiras. O tenente de alcalde salientou que o documento servirá para avanzar na integración destas persoas, "que cada vez son máis numerosas". Afirmou que "é eixo fundamental e constante de todas as iniciativas que se poñen en marcha dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social buscar a integración", dixo Santi Domínguez ao respecto.

Segundo asegurou o tenente de alcalde, coa publicación da guía ofrécese resposta a unha vella demanda formulada polas asociacións de inmigrantes, como é a falta de información básica destinada ás persoas que chegan á cidade. Sinalou que precisamente as análises feitas dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social poñen de manifesto que as persoas de procedencia estranxeira se atopan coa falta de datos concisos sobre Vigo ou os trámites administrativos prioritarios que teñen que levar a cabo.

O nacionalista explicou que nesta guía atoparán toda a información que necesitan coñecer para iniciar o seu proceso de integración na cidade. Como exemplo citou que se detalla como empadroarse, solicitar unha tarxeta sanitaria ou cita nun médico, escolarizar aos seus fillos, alugar unha vivenda, solicitar un permiso de traballo, abrir unha conta bancaria ou saber que recursos de benestar social teñen ao seu dispor.

Santi Domínguez calificou a guía de "auténtica xoia" e asegurou que se trata dunha "iniciativa pioneira", que demostra que "estamos involucrados na tarefa de facer unha cidade máis igualitaria". Asegurou que a guía tamén será unha "ferramenta útil" para os colectivos e profesionais que teñen relación coas persoas inmigrantes. Finalmente, destacou que servirá para "favorecer a interrelación e a cooperación" coas persoas ás que vai dirixida. "Unha cidade que non integra, pode ter problemas de vertebración no futuro", alertou ao respecto.

O tenente de alcalde rematou agradecendo o traballo de María Méndez e o seu equipo da Concellería de Benestar Social. Asegurou que Vigo comeza a ter "selo de calidade en canto ao traballo social que se fai neste Concello". Lembrou o premio de accesibilidade concedido por Cocemfe, pero tamén fixo referencia ao recoñecemento expresado por diversos colectivos da cidade.

A concelleira de Benestar Social, pola súa banda, afirmou que as entidades que participaron no Consello Municipal de Accesibilidade celebrado onte valoraron "moi positivamente" a guía e considerárona como "unha das mellores que teñen visto". Subliñou que se trata dunha guía moi completa coa que se buscaba que fose unha "ferramenta útil, manexable e cunha linguaxe sinxela para chegar a todas as persoas", polo que será útil para todos os colectivos e asociacións veciñais, así como centros escolares. Ademais do seu reparto entre estas entidades tamén estará dispoñible en internet, xa que ten un formato "moi navegable", apuntou.

A "Guía de Información e Acollida para persoas de procedencia estranxeira" está distribuída en tres partes fundamentais. Na primeira fálase dos "primeiros pasos" e se mencionan os datos básicos de Vigo, como ubicación e moeda. A segunda está centrada nos recursos e servizos que ofrece a cidade, e nela se informa sobre o eido educativo, os centros de saúde, os hospitais, vivenda, traballo, sindicatos, servizos sociais, igualdade e prestacións económicas, entre outros temas. A terceira, pola súa banda, fala de "vivir en Vigo" e os costumes básicos.

María Méndez destacou que este novo recurso "da cumprimento a un dos nosos compromisos do primeiro Plan de Inmigración para facer realidade a integración das persoas inmigrantes". Editaranse 3.000 exemplares para repartir nas asociacións de inmigrantes, colexios e centros de saúde, e a guía tamén estará a disposición de todas as persoas que a precisen en internet.
Descargar todas as imaxes