Escoitar

A Escola de Verán do centro de arte dramática de Navia presentase este ano cun grande éxito de participación

O alcalde, Abel Caballero, a concelleira de Educación, Laura López Atrio, e o director da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel Vieites, presentaron este xoves o Campus Internacional de Verán "Escénika" 2010, que xa conta co dobre de solicitudes das prazas ofertadas. A iniciativa traerá a Vigo a destacados pedagogos e directores teatrais de relevancia internacional.

xoves, 24 xuñ 2010
1277384036escenika.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a concelleira de Educación, Laura L. Atrio, e o director da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel Vieites, presentaron este xoves a Escola de Verán "Escénika" do centro, cun grande éxito de participación.

Segundo indicaron os poñentes, actualmente o número de solicitudes recibidas para participar no campus de verán duplica a oferta de prazas proxectada, co que a iniciativa estase a consolidar e tamén o papel de Vigo como "referente" no campo das artes escénicas.

Escénika programa para este verán -durante as dúas primeiras semanas de xullo- un traballo detallado sobre aspectos concretos, con obradoiros que abranguen distintas materias como o cabaret, técnicas de interpretación pouco coñecidas e sistemas de iluminación, entre outros. O campus de verán tamén proxecta un espectáculo de Kathakali, aberto a toda a cidadanía, o vindeiro 15 de xullo ás 21 horas, na propia sede da Escola en Navia.

Abel Caballero subliñou a "perenne ambición" do Concello -que leva cooperando coa Escola nestes últimos tres anos- para que Vigo non sexa unicamente cidade industrial senón tamén de servizos e cultural.

O alcalde destacou o dobre papel que xoga o centro na cidade, formativo e de dinamización cultural da cidadanía. Caballero avogou por un campus en Navia configurado como un "gran centro motriz" da urbe, que aglutine a Escola de Arte Dramática, a de Danza, o Conservatorio Superior de Música e unha gran biblioteca, "en suma, este campus vai ser o grande campus cultural do sur de Galicia".

O socialista transmitíu a súa felicitación á dirección e ao profesorado da escola por ir ampliando a súa presenza en Vigo, e indicou que traballará para ampliar o número de prazas de Escenika no vindeiro ano 2011.
Descargar todas as imaxes