Escoitar

A 40 edición do Día da Muiñeira reunirá a 1.500 participantes este sábado na Praza de Compostela

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a 40 edición do Día da Muiñeira e o XI Concurso de Ensalzamento do Traxe Galego, que se celebrarán o vindeiro sábado, 5 de xuño. O nacionalista sinalou que máis de 1.500 persoas participarán no acto central do evento, que terá lugar na Praza de Compostela ás 20.30 horas.

mércores, 2 xuñ 2010
1275482529Muineira.JPG
"O Día da Muiñeira é un dos días máis importantes para a Concellería de Cultura", asegurou Xesus López. Segundo o concelleiro de Cultura, esta importancia vén dada porque tamén se celebrará o XI Concurso de Ensalzamento do Traxe Galego, o sábado a partir das 17:30 horas na lonxa do Concello.

Xesus López explicou que haberá dous primeiros premios por categoría do traxe de adultos (antigo, cotío, moderno e agrupación), e outros dous para o traxe infantil. Ao remate do concurso, ás 19 horas, os grupos participantes concentraranse na Praza do Rei, para posteriormente desprazarse á Praza de Compostela, percorrendo Ronda de don Bosco e Velázquez Moreno.

O concelleiro de Cultura expresou os seus parabéns ao director da Escola Municipal de Danza, Wenceslado Cabezas "Polo", por manter o certame ao longo de 40 anos. Na súa intervención, o director da Escola Municipal de Danza sinalou que durante o traxecto da praza do Rei á Praza de Compostela participarán tres grupos de gaitas tradicionais, Asubíos de Portocedeira, Airiños Galegos e Arrancadeira. Ademais, avanzou que a Mostra de Traxe Tradicional, "o terceiro piar" desta celebración, terá lugar o vindeiro 7 de agosto.

O xefe de Relacións Externa de El Corte Inglés, José Manuel Blanco, destacou que a súa empresa está vencellada ao Día da Muiñeira dende o seu inicio, en 1970. "Isto nos permite ser testemuñas dunha manifestación cultural que é un referente básico da nosa cultura", asegurou.
Descargar todas as imaxes