Escoitar

A Fundación ProVigo cambia de órgano de dirección para dar maior participación ás empresas

Na reunión do Padroado celebrada este mércores, o alcalde informou dos actos da celebración do Bicentenario da cidade, entre eles un selo conmemorativo, un sorteo da lotería e un billete de lotería especial. O festival aéreo tamén estará encuadrado nos actos dun bicentenario que Abel Caballero xa adiantou que será "moi austero".

mércores, 2 xuñ 2010
1275482420PROVIGO.jpg
O alcalde e presidente da Fundación Provigo, Abel Caballero, adiantou que o organismo cambiará os seus órganos de dirección para reforzar a presenza das empresas na Fundación. Así o avanzou o rexedor socialista quen asegurou que na reunión do Padroado celebrada hoxe mércores abordáronse temas como o balance de resultados ou a aprobación do Plan Estratéxico de Vigo 2012-2020.

"Queremos dar máis implicación e presenza as empresas que forman parte da dirección da Fundación" subliñou o alcalde e lembrou que ata o de agora hai un número de membros permanentes -Concello, Zona Franca, Caixanova, Cámara de Comercio, CEP ou o Porto- pero que hai outros que rotan. A proposta aboga porque haxa máis patronos pero con menos duración nos cargos. "De 4 empresas pasarase así a 7 ou 8 e en lugar de catro anos estarán dous", dixo.

Na reunión tamén se pasou revisión ao balance de resultados e se aprobou o Plan Estratéxico de Vigo 2012-2020 no que se visualiza a saída da crisis desta cidade, coa dotación de grandes infraestruturas coma o AVE, o aeroporto, unha nova dimensión de autovías ou dotacións coma o Auditorio-Pazo de Congresos.

"Trátase de ver como vamos incardinando a nova dimensión do Vigo de 2012- 2020", afirmou Caballero quen cualificou o plan de "moi participativo e moi austero". Nesta liña avanzou que o proxecto estará dirixido directamente desde a Fundación e en contacto con empresas, administracións e a Universidade. "A maior parte das colaboracións serán altruistas e afrontarase cun orzamento normal, sen aportación adicional".

Actos Bicentenario
Na reunión do Padroado informouse aos membros da celebración do Bicentenario da cidade e déuse coñecemento dos actos que se levarán adiante ademáis de mostrar o logotipo. Actuacións que, tal e como relatou Abel Caballero, centraránse nun selo conmemorativo, nun sorteo de lotería e nun billete de lotería especial. O festival aéreo que se celebrará o Día de Galicia tamén estará encadrado nestes actos e se propuxo a elaboración dunha composición musical que se estreará nun concerto.

Conferencias, debates, intervencións e actuacións de pintores e poetas na cidade completarán unha lista de actos que en todo caso cinguiránse ao contexto económico que se vive na actualidade. A celebración "vai ser moi austera", segundo indicou o alcalde, e realizarase a través da Fundación ainda que sufragada polo concello vigués.
Descargar todas as imaxes