Escoitar

O alcalde acorda con Industria a instalación no área de Vigo dunha factoría de baterías para coches eléctricos

Abel Caballero anunciou este mércores que o Director Xeral de Industria -nunha entrevista mantida co rexedor na tarde de onte- comprometeuse a aportar a metade das axudas necesarias para a implantación no área de Vigo dunha factoría de baterías para vehículos eléctricos. O alcalde asegurou que o Ministerio ten "toda a vontade e unha partida orzamentaria" ao efecto e augurou "boas perspectivas para a industria" viguesa.

mércores, 19 mai 2010
1274272499P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acordou co Director Xeral de Industria a instalación no área de Vigo dunha factoría de baterías para vehículos eléctricos, para o que o Ministerio achegará a metade das axudas precisas para a súa implantación.

Así o indicou Caballero este mércores, tras unha reunión mantida onte co Director Xeral de Industria no aeroporto de Vigo. Segundo explicou o primeiro edil, o Ministerio de Industria transmitíulle que ten "toda a vontade e unha partida orzamentaria" para contribuir á ubicación no gran Vigo dunha multinacional para a fabricación de baterías, unha industria "con moito futuro", aseverou.

O alcalde recordou que o Ministerio de Industria concedeu o pasado ano unha axuda de 74 millóns de euros á planta de Vigo de PSA Peugeot Citroën, e este ano aportou outros 40 millóns, ademais das subvencións á compra de vehículos e a "axuda maior legalmente posible" comprometida para a fabricación na cidade do coche eléctrico por parte de PSA.

Caballero estimou que esta nova complementa ao plan municipal do vehículo eléctrico, que o conforma a fabricación en Vigo do coche, a factoría de baterías ubicada nesta área e o establecemento da cidade olívica como "cidade piloto" na utilización do mesmo, todas co respaldo do Goberno de España a través do Ministerio de Industria.

O alcalde augurou "boas perspectivas para a industria" de Vigo e de Galicia, e apuntou que temos o "reto" de apoiar á nosa industria para que no segundo trimestre do continúe a repuntar a economía de Galicia e de España.

Naval
Abel Caballero recordou que o Director Xeral de Industria tamén encárgase do naval, que ve arrincar Navalia estes días. O alcalde recordou que o Ministerio achega case 100 millóns de euros ao sector con primas á construcción naval e con 200 millóns de euros en créditos a través do Instituto Oficial de Crédito (ICO). "A industria naval de Vigo está neste momento sostida de forma moi importantes coas axudas do Ministerio de Industria", concluíu o socialista.
Descargar todas as imaxes