Escoitar

O programa Verán de Lecer impulsado por Benestar Social oferta 70 prazas para persoas con discapacidade

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores que o programa Verán de Lecer ofrece 70 prazas para participar nos campamentos que se celebrarán en xullo e agosto. Na presentación do programa, que se celebra en colaboración con Pasovigo, a concelleira nacionalista sinalou que o prazo para presentar as solicitudes remata o 31 de maio.

mércores, 19 mai 2010
1274272372lecer.JPG
María Méndez destacou que este proxecto de lecer está pensado para que persoas con discapacidade "bastante severa" gocen coas actividades que terán lugar nos campamentos. "Pero tamén para que as nais e os pais teñan un respiro e saiban que os seus fillos e todas as persoas que participen están perfectamente atendidos", engadiu a responsable de Benestar Social.

A concelleira tamén salientou que, por primeira vez, grazas ao traballo conxunto das concellerías de Benestar Social e Xuventude se ofertan prazas de integración nos campamentos de verán, ao reservar o 10% das prazas para persoas con algún tipo de discapacidade, que se suman ás 70 de Verán de Lecer. Explicou que Benestar Social colabora aportando os monitores necesarios para atender as persoas con necesidades específicas.

O programa Verán de Lecer, no que poden participar as persoas con discapacidade de máis de 6 anos e empadroadas en Vigo, desenvolverase nos meses de xullo e agosto. A edil do BNG apuntou que o campamento que se celebrará en xullo terá lugar no museo Verbum. Neste mes ofértanse 25 prazas, 20 para persoas de 6 a 30 anos e 5 para maiores de 30 anos. O seu horario será de 10 a 14 horas e o custo será de 5 euros a semana pola participación no campamento e 10 euros o servizo de transporte.

Respecto ao campamento que terá lugar no mes de agosto, María Méndez sinalou que son 45 as prazas dispoñibles, 15 prazas para persoas de 6 a 30 anos e 30 para maiores de 30 anos. Terá lugar no Centro ASPANAEX en horario de 10 a 16 horas, xa que inclúe comedor. O prezo é de 8 euros á semana a participación no campamento, 10 euros á semana o servizo de transporte e 25 euros á semana o servizo de comedor.

A concelleira de Benestar sinalou que a participación neste proxecto de lecer se pode solicitar por semanas, e o tempo mínimo é dunha. Neste sentido salientou que aínda que as prazas que se ofertan son 70, son rotatorias e o número de persoas participantes é maior. Respondendo aos xornalistas sobre os participantes o ano pasado, indicou que na convocatoria do ano pasado participaron arredor de 140 persoas.

Por outra banda, María Méndez explicou que as persoas interesadas en participar poden presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou no centro no que se atope a persoa discapacitada. As inscricións faranse no impreso de solicitude do Rexistro Xeral, acompañado dunha copia do DNI, unha ficha de coñecemento persoal, a autorización materna, unha foto do solicitante e prescrición médica e posoloxía de medicamentos no caso das persoas que teñan que tomalos.

Respecto ao persoal que impartirá as actividades, a nacionalista dixo que se trata de persoas que xa teñen experiencia en colexios de integración, polo que asegurou que son monitores e monitoras "perfectamente preparadas". Asemade, a concelleira de Benestar Social agradeceu a colaboración de Pasovigo para desenvolver o proxecto, así como ao museo Verbum e á asociación Aspanaex.

En resposta aos medios, explicou que neste ano 2010 se mantén tanto o número de prazas como o orzamento aportado por Benestar Social para desenvolver a iniciativa, que ascende a 33.000 euros. Porén, puntualizou que se levou a cabo unha redistribución das prazas, xa que o ano pasado se comprobou que a demanda era superior en agosto que en xullo.
Descargar todas as imaxes