Escoitar

Tenencia e Benestar financia programas de integración e mellora da calidade de vida de Afaga, Menela e Xordos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinaron hoxe tres convenios de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas, a Fundación Menela e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga) que teñen como obxectivo avanzar na integración e mellora da calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade, así como das súas familias.

martes, 14 xul 2009
1247575475conveniosbenestar.jpg
O nacionalista afirmou que é fundamental conseguir a igualdade de oportunidades e acadar a integración real destas persoas na sociedade. O tenente de alcalde salientou que "é unha cuestión prioritaria para nós" atender á poboación que máis o precisa. A este respecto, indicou que "nunca na historia deste Concello o departamento de Benestar Social tivo uns orzamentos tan altos e nunca se deu tanta cobertura social como agora".

Sen embargo, recoñeceu que a pesar do impulso que ten dado o actual goberno aos servizos de benestar, sen o traballo das diferentes asociacións e colectivos sociais sería imposible dar resposta á todas as demandas. É por iso que considera que os convenios que hoxe se asinaron "son xustos e merecidos, para intentar paliar unha parte das necesidades que teñen as persoas con discapacidades".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou que en total o seu departamento aporta 53.000 euros ás tres asociacións (20.000 Afaga, 20.000 Asociación Xordos e 13.000 Menela) para desenvolver programas específicos para cada un dos colectivos.

No caso de Menela o obxectivo é desenvolver un programa de respiro familiar, que consiste en estadías, de entre un e tres días, das persoas con discapacidade que atende esta fundación nun piso adaptado. Deste xeito as súas familias ou as persoas que as coidan poidan descansar. Está previsto que se realicen ata un máximo de 101 estadías ao longo do ano, segundo explicou María Méndez.

A concelleira indicou que o convenio asinado con Afaga ten como finalidade a realización de obradoiros dirixidos aos enfermos de alzheimer e tamén para os seus familiares. Nos obradoiros traballaranse aspectos como a memoria, a linguaxe, a motricidade e, sen xeral, as diferentes actividades da vida cotiá. María Méndez sinalou que se atenderán a 40 persoas en grupos de 10.

Por último, asinaouse tamén un convenio coa Asociación de Persoas Xordas para prestar un servizo de intérprete de linguaxe de signos. Calquera persoa que o solicite poderá contar cun intérprete para desenvolver calquera actividade na que o precise, desde ir ao médico, realizar calquera trámite administrativo ou mesmo acudir a unha xuntanza o a unha conferencia.
Descargar todas as imaxes