Escoitar
Castrelos e o Peirao de Trasatlánticos acollerán os grandes concertos

Santi Domínguez asegura que as Festas de Verán son xa un sinal de identidade da cidade<br /> <br />

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, presentaron hoxe o programa das festas 2009, no que destaca a existencia de grandes concertos (Leonard Cohen, Keane, Carlos Baute+Marta Sánchez, Los Secretos, la Oreja de Van Goh, Ainhoa Arteta, Fuxan os Ventos, Coti, Melendi, Mala Rodríguez…) así como a diversidade de actividades para todas as idades e tendencias.

luns, 13 xul 2009
1247488556presentacionfestas09.jpg
O tenente de alcalde comezou a súa intervención sinalando que coas festas do pasado ano comezou unha nova andaina que, tralo éxito acadado, "imos consolidar mellorando a oferta, a pesares de ter que reducir o orzamento, no momento de crise no que nos atopamos". O orzamento da edición das festas deste ano é de 1.500.000 euros.

Santi Domínguez destacou que estas festas son "un sinal de identidade da cidade, que nos teñen que permitir que gocemos da nosa cidade e tamén que nos sintamos orgullosos dela. Podemos presumir de Vigo e das nosas festas ante a xente que nos visita".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, explicou que a programación das festas está baseada en dous piares: "O primeiro é que Vigo sexa sede de grandes concertos e o segundo, converter a Vigo nunha cidade chea de vida, con dous programas diferentes pero complementarios: o Festiclown, que inundará as nosas rúas de risas e cores, e a Semana Grande, do 3 ao 14 de agosto, que definen o sentir das festas: participativas, identificativas, cunha programación variada que permite cubrir un abano amplo, para todas as necesidades".

O responsable do departamento de Cultura fixo un repaso polos diferentes programas: Vipop (grandes concertos de artistas internacionais en Castrelos e Peirao de Trasatlánticos), Vigourban (a Praza da Estrela acollerá aos grupos locais da cultura urbana), Travesías (no Peirao de Trasatlánticos, onde grupos doutras culturas amosarán a súa música, os seus bailes), Vigofolk (o son das nosas raíces e aberto tamén á música folk de todo o mundo), Castro Cativo (teatro e un parque lúdico-educativo no monte do Castro), Mar de bandas e de corais (un espazo para as nosas bandas e corais), o cine (este ano o ciclo está adicado ao cine francés), o marathón fotográfico, Linguas Vivas, Mistura, festas gastronómicas…. En definitiva, actividades para todos e todas, para todos os gustos artísticos, tanto no centro urbano coma nas parroquias: Vigo e os seus cidadás están de festas.

Tanto o tenente de alcalde coma o concelleiro de Cultura salientaron e agracederon o esforzo realizado por Caixanova, "xa que sen a súa aportación, estas festas non serían posibels". Pola súa parte, o director da Obra Social da entidade, Guillermo Brea, destacou que "temos que felicitarnos todos. Os cidadáns vigueses poden ter un pouco máis dese orgullo que necesitamos nesta cidade e penso que temos motivos para ter a moral elevada. Acabamos de ter un campionato do mundo de hóckey sobre patíns, o festival aéreo, un programa de festas espectacular…. Temos motivos para sentirnos orgullosos do que se fai nesta cidade".

Auditorio de Castrelos
17 de xullo: KEANE (teloneiro: Niño y Pistola)
29 de xullo: LA OREJA DE VAN GOGH
12 de agosto: FUXAN OS VENTOS
13 de agosto: LEONARD COHEN
14 de agosto: AINHOA ARTETA

Peirao de Trasatlánticos
4 de agosto: CARLOS BAUTE E MARTA SÁNCHEZ
5 agosto: JUAN PERRO (teloneiro NARF)
7 agosto: BRATH
8 de agosto: LOS SECRETOS
9 de agosto: MALA RODRÍGUEZ
(SLOWLEE+NASTY MONDAYS)
11 de agosto: MELENDI
14 de agosto: COTI+ONDINA+ARKANO



Descargar todas as imaxes