Escoitar

O alcalde estima que "a finais de setembro" entrará en vigor a prohibición do botellón no Berbés

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente hoxe luns a declaración de zona protexida do entorno do Berbés, que inicia así a súa tramitación administrativa para estar en vigor aproximadamente "a finais de setembro". O Berbés será a segunda zona libre do chamado botellón, despois da protección de Loriga que "está a funcionar francamente ben", salientou Abel Caballero.

luns, 13 xul 2009
1247487877callereal.jpg
Rúa do Casco Vello
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estimou este luns que "a finais de setembro" estará en vigor a protección do entorno do Berbés, que pasará a ser a segunda zona libre do chamado botellón.

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns inicialmente a declaración de zona protexida en Teófilo Llorente, A Pedra, A Colexiata, a rúa Real e a Praza da Almeida, atendendo á ordenanza reguladora da convivencia cidadá e do ocio que xa funciona "francamente ben" -afirmou o alcalde- no entorno de Joaquín Loriga.

O Berbés cumpre todos os requisitos esixidos pola ordenanza municipal, ao mediar denuncias, ruidos, aglomeracións e danos no mobiliario urbano acreditados, segundo citou Abel Caballero. O Concello cumpre así o "compromiso" de eliminar este fenómeno de todas aquellas zonas que cumpran os requisitos.

Segundo explicou Abel Caballero, tras a declaración inicial de protección aprobada hoxe luns na Xunta de Goberno Local, o acordo será publicado no Boletín Oficial da Provincia, tras o que abrirase un periodo de alegacións de 20 días. Despois de resolver as mesmas, a Xunta de Goberno Local ratificará a protección definitivamente, o BOP publicará o novo acordo e entrará en vigor ao día seguinte.

Unha vez entre en vigor a normativa municipal, e tal e como aconteceu no entorno de Joaquín Loriga, o Concello procederá á sinalización vertical da norma en todas as rúas afetadas para información cidadá.

Educación
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local adxudicou este luns a empresa encargada de levar en setembro a 125 escolares vigueses de 14 anos para estudar tres semanas en Inglaterra e Irlanda, explicou o alcalde en rolda de prensa.

Tras a primeira experiencia do pasado curso, o Programa de Inmersión Lingüística en Inglés da Concellería de Educación adxudicou o servizo por dous anos. Contando os 100 escolares do pasado ano e os 125 deste e o próximo curso, un total de 350 estudantes vigueses accederán á bolsa municipal.
Descargar todas as imaxes