Escoitar

Santi Domínguez comprométese cos comerciantes a desenvolver un plan de actuacións de axudas ao sector

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, expresou este martes o seu compromiso a presentar no mes de xuño un plan de actuación que contemple medidas concretas de axudas ao comercio, que nestes momentos é un dos sectores que máis está sentido os efectos da crise. Tras a xuntanza que mantivo con representantes de diversas asociacións de comerciantes da cidade, Domínguez salientou que a reunión serviu para chegar a un acordo sobre as principais liñas nas que traballará a Concellería de Comercio.

martes, 12 mai 2009
1242132621reunionasociacioncomerciantes.jpg
Santi Domínguez explicou que na xuntanza acordouse traballar en cinco aspectos fundamentais: promocionar o comercio de Vigo fóra da cidade, incentivar o consumo, poñer en marcha un sistema de axudas directas para os establecementos comerciais, promocionar a cidade de Vigo a través de distintos eventos internacionais e posibilitar que todos os comercios que queiran teñan un espazo na feira Stockaxe. "Xa hai tempo que traballamos nestas liñas, pero queriamos confirmar cos comerciantes que estas son as iniciativas coas que están dacordo", sinalou ao remate da reunión. A este respecto o tenente de alcalde subliñou que diante da situación económica que se está vivindo "calquera medida que non esté enfocada a afrontar a crise non é prioritaria".

Na reunión estiveron presentes a presidenta da Federación de Comercio de Vigo (Fecovi), Encarna Álvarez, e representantes do Centro Comercial Aberto Centro Príncipe, Área Comercial Zona Centro e Centro Comercial Aberto Vigo Vello. O tenente de alcalde indicou que esta xuntanza continúa a liña de traballo iniciada o ano pasado, cando se puxeron en práctica os "orzamentos participativos". Asemade, sinalou que outro dos obxectivos da xuntanza era coñecer de primeira man a situación que está vivindo o comercio, que non está pasando por un bo momento. "De todos xeitos xa tiña constancia desta situación polas reunións periódicas que manteño cos representantes do sector", engadiu.

O tenente de alcalde explicou que en mes e medio a Concellería de Comercio vai presentar as actividades determinadas para poñer en práctica esas liñas de traballo para que as aproben as asociacións de comerciantes e poñelas en práctica en setembro. Segundo Santi Domínguez, no plan de axudas estudiarase en que medida "se poden establecer axudas directas ao comercio, dentro das competencias que temos nesta materia. Ao respecto indicou que unha vez elaborado o plan "pediremos axudas á Xunta, e de non ser así afrontariamos nós as axudas".
Descargar todas as imaxes