Escoitar

Abel Caballero e Maria Jose Caride presentan a ampliación ata Barreras do túnel de Beiramar

De 1,3 quilómetros, o túnel comezará no paso inferior á rotonda do Berbés para rematar despois do astaleiro Barreras, contará con saídas cara a rúa Coruña -xa que esta rotonda quedará tamén deprimida- e cun aparcadoiro soterrado de alo menos 350 prazas. Un parque duns 35.000 metros cadrados ocupará a superficie dun anteproxecto que sairá mañá martes a exposición pública e se contratará o proxecto e a obra no 2009.

luns, 9 feb 2009
1234188153beiramar1.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a conselleira de Política Territorial da Xunta de Galicia, María José Caride, presentaron este luns a ampliación do túnel de Beiramar, un anteproxecto de obra de 1'3 quilómetros de lonxitude e 70 millóns de investimento que será publicado mañá no Diario Oficial de Galicia.

A infraestrutura soterrará o tráfico a uns 8 metros baixo cota desde o paso inferior do Berbés ata Barreras, deprimindo asemade a rotonda da rúa Coruña, onde haberá saídas cara Bouzas e cara a Praza da Industria. Esta configuración permitirá retirar da superficie máis do 75 por cento do tráfico actual da glorieta e dar continuidade á Avenida de Beiramar procedente de Bouzas a través da rúa Jacinto Benavente.

O anteproxecto contempla a construción dun aparcadoiro soterrado entre a estrada e a superficie, cun número mínimo de 350 prazas. Además, os actuais viais pasarán a ser peatonais coa construción dun parque duns 35.000 metros cadrados estimados.

Segundo informou a conselleira, comeza mañá o periodo dun mes para exposición pública, tras o que a Consellería de Política Territorial agarda poder contratar conxuntamente o proxecto e a obra no ano 2009. O prazo estimado da duración das obras oscila entre os 24 e os 28 meses. Dos 70 millóns, a Xunta achegará 35 e a outra metade será negociada entre o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria.

O alcalde salientou que esta é "unha das grandes obras de Vigo" pola que "a cidade leva agardando décadas" e "hoxe comeza a súa andaina definitiva". Esta actuación simboliza "os froitos da cooperación" entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria, indicou Abel Caballero. A conselleira, pola súa banda, subliñou que esta infraestrutura "solventa un problema de mobilidade, transforma e rexenera o espazo máis costeiro da cidade".

O proxecto
O novo túnel permitirá retirar tráfico da superficie e recuperar para o uso da cidadanía unha avenida na que se asentará o Auditorio-Palacio de Congresos de Vigo e que actualmente rexistra unha intensidade de preto de 40.000 vehículos diarios, dos cales 3.500 son vehículos pesados.

O túnel foi deseñado cos dous fluxos de tráfico separados por unha pantalla central. Cada un dos dous corpos do túnel disporá de dous carrís de circulación de 3,20 metros de anchura e dunha beirarrúa e 0,75 metros na marxe dereita. O seu gálibo mínimo será de 5 metros de altura.

Canto á súa construción, a solución estrutural proposta no anteproxecto consiste na creación en primeiro lugar dos muros perimetrais do túnel, de formigón, executados dende a superficie. A continuación executaríase a lousa superior de peche do túnel que se apoiaría nos muros laterais. Con esta estrutura construída iniciaríase a escavación de toda a sección do túnel. Este sistema permitirá reducir a afección ao tráfico facilitando a circulación en superficie en canto estea rematada a lousa superior.

O anteproxecto, segundo se indicará na resolución que publicará mañá o DOG, "pretende alcanzar o máximo consenso, polo que é necesario coñecer a opinión dos distintos axentes implicados". Por iso, Política Territorial somete o documento a información pública durante trinta días hábiles. O expediente exporase ao público no Concello de Vigo, no Servizo Provincial de Estradas de Pontevedra e na Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPT.

A posterior execución e explotación do túnel así como dos elementos complementarios que se propoñen no anteproxecto deberá concretarse a través dun convenio de colaboración entre as diferentes administracións que participen no mesmo.
Descargar todas as imaxes